Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro lembra aos propietarios de terreos e parcelas a súa obriga de mantelas limpas para reducir o risco de incendios

O prazo fixado pola Xunta de Galicia para cumprir con este deber finalizará o 31 de maio

Viveiro, 26 de xaneiro de 2024. A tenenta de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente no Concello de Viveiro, Míriam Bermúdez, lembra ás persoas titulares de parcelas e terreos a súa obriga de mantelas limpas “coa finalidade de previr os incendios forestais no municipio”.

En concreto, lémbralles ás persoas propietarias “a súa obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada das especies arbóreas prohibidas nas franxas secundarias definidas polo Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Viveiro (PMDIF), nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia”.

O prazo fixado pola Xunta de Galicia para cumprir con este deber finalizará o día 31 de maio de 2024. Deberán limparse as parcelas afectadas, tanto de maleza como de árbores consideradas pirófitas (consultar gráfico adxunto).

Transcorrido o prazo outorgado sen que as persoas responsables xestionen a biomasa ou retiren as especies arbóreas prohibidas, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custos ao responsable, así como ao comiso da madeira resultante da tala das especies arbóreas prohibidas.

Igualmente, o incumprimento conlevará a aplicación de sancións por importes que van desde os 1.000 euros ata os 100.000 euros, en función da clasificación da infracción.

Os propietarios e interesados poderán consultar as parcelas catastrais incorporadas nas franxas secundarias de biomasa do PMDIF a través do visor incorporado na páxina web do Concello de Viveiro (https://www.viveiro.es / concello dixital / Visor de inventarios e bens municipais / Consulta ou visor dás faixas de incendios) ou ben, no visor de faixas secundarias da Xunta de Galicia (https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/)”.

Exit mobile version