Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP, comprometido cos veciños e con Burela: “O noso grupo municipal leva máis propostas ao pleno que o propio goberno bipartito”

Os populares propoñen priorizar a empresas locais nos contratos menores, crear un inventario de fontes municipais cun plan de mantemento e control sanitario e incluír Burela na rede de transparencia da FEGAMP

Burela, 31 de xaneiro de 2024. Os concelleiros do PP de Burela demostran o seu interese por traballar e cumprir cos veciños da vila sendo o grupo da corporación que “máis propostas leva ao pleno deste xoves, incluso máis que o propio goberno bipartito. É inaudito, pero non é de estrañar tendo en conta o proceder do goberno PSOE-BNG no último medio ano, tempo no que viamos que o seu traballo ía decaendo”.

Unha das iniciativas do PP vai encamiñada a priorizar a empresas locais nos contratos menores co Concello. “É algo que non se está a facer en Burela, xa que detectamos que se están contratando empresas doutras zonas cando hai empresarios na nosa vila que teñen a cualificación para prestar determinados servizos que demanda o Concello”.

Outra das propostas que defenderán os populares é “a creación dun inventario da fontes municipais e un plan de mantemento e control sanitario das mesmas”. E, por outra banda, propoñen “incluír a Burela na rede de transparencia da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). É algo de obrigado cumprimento, pero que o goberno local non está a facer demostrando o seu pouco interese pola transparencia”.

Neste clima preelectoral, o Grupo Municipal Popular de Burela volve demostrar que “seguimos a preocuparnos pola veciñanza da nosa vila. A diferencia das outras formacións políticas que están máis preocupadas por facer campaña que pola gobernanza no noso Concello”.

Exit mobile version