A reparación da rampla de grandes sillares de pedra anexa á ponte da Misericordia e o acondicionamento da rúa perpendicular a Cantarrana; outros das cuestións que os populares demandarán á alcaldesa no pleno de mañá
Dende o PP consideran así que é necesario manter este espazo, xa que, “é un dos pulmóns económicos da cidade” e é un dos elementos máis representativos da mesma. Proba delo, lembra Mariña Gueimunde, é que a antiga pescadería data da década de 1920 e a fachada exterior segue mantendo a estética primitiva.
A voceira popular pon así o foco no que “é un exemplo máis da falta de traballo do actual goberno”, afeándolle que “non fose quen de aproveitar as axudas que impulsan outras administracións como a Xunta de Galicia para a dinamización deste tipo de instalacións”. Concretamente, o Goberno galego pon a disposición dos Concellos a liña de subvencións de concorrencia non competitiva Rede de Mercados Excelentes de Galicia que están destinadas á adecuación e a mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais e constitúe un elemento clave para o desenvolvemento do comercio.
OUTROS ASUNTOS
Noutra orde de asuntos, os populares solicitan ao Concello, en primeiro lugar, a reparación da rampla de grandes sillares de pedra anexa á ponte da Misericordia e que, por mor das mareas e o paso do tempo, se foi deteriorando e constitúe un perigo para os rapaces e escolares que pasan a diario polas súas inmediacións para ir aos centros de ensinanza.
Asemade, reclaman o acondicionamento da rúa perpendicular a Cantarrana; un vial que dá servizo a garaxes e cuxo estado é moi deficitario e supón unha incomodidade para os usuarios e particulares que non teñen outra alternativa para acceder aos seus inmobles e non dispoñen doutro espazo na contorna para estacionar os seus vehículos.