Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP lucense aposta polas casas niño como recurso de conciliación nos concellos do rural

Os candidatos ao Parlamento galego lembraron durante unha visita á casa niño Bolboreta, no Páramo, que a provincia xa conta cun total de 27 que favorecen a conciliación das familias “vivan onde vivan” contribuíndo a fixar poboación e a crear postos de traballo

Lugo, 29 de xaneiro de 2024. O PP lucense pon en valor a aposta da Xunta polas casas niño como recursos de conciliación. Membros da candidatura do PP ás autonómicas pola provincia subliñaron que “as políticas impulsadas pola Xunta de apoio ás familias vivan onde vivan”.

Durante unha visita á casa niño Bolboreta, no Páramo, o número 2 da lista, Javier Arias, recordou que “na provincia de Lugo contamos con 27 casas niño que poden atender a 135 nenos e nenas de 0 a 3 anos (a un máximo de 5 prazas en cada casa niño)”.

“Dende o Partido Popular temos claro que a nosa é unha provincia fundamentalmente rural e con núcleos de poboación dispersos. Por iso apostamos por achegar servizos ao rural co obxectivo de fixar poboación”. Un claro exemplo son as casas niño que ofrecen, nun entorno próximo, atención aos máis pequenos de concellos do rural que carezan doutro recurso de conciliación. “E non hai que esquecer que a través das casas niño tamén se crean postos de traballo nestes concellos”, engadiu o popular.

O Goberno de Alfonso Rueda ten xa comprometidos para o 2024 un total de 3 millóns de euros para manter o centenar de casas niño que xa existen actualmente en Galicia e ampliar a oferta a máis concellos.

Trátase dunha medida implantada no 2016 e que “funciona”. Estes centros ofrecen atención gratuíta de luns a venres durante un máximo de 8 horas diarias a cinco nenos de 0 a 3 anos de idade.

ATENCIÓN DE 0 A 3 ANOS NO PROGRAMA ELECTORAL

O programa electoral do PPdeG recolle propostas de Goberno “perfectamente realistas e realizables” e, polo tanto, “que se poden cumprir”. Entre elas, inclúese a cobertura total de recursos de conciliación gratuítos de atención á infancia de 0 a 3 anos en Galicia de forma que “tódolos concellos da nosa comunidade conten cun servizo de atención aos máis pequenos”.

VISITA A MAQUINARIA DURÁN

Dentro das actividades dos populares, membros da candidatura ás autonómicas participaron tamén este luns nunha visita ás instalacións de Maquinaria Durán onde lembraron que “a Xunta destina, na convocatoria do 2023, algo máis de 4 millóns de euros para promover o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo”.

Exit mobile version