Site icon Crónica3.com A Mariña

“Teléfono intelixente”, por Emilio González Legaspi

Empezamos chamándolles teléfonos móbiles, pero agora son smart phones, é dicir, teléfonos intelixentes, traducido literal do inglés.

Acaban de prohibir o seu uso nas escolas durante o tempo lectivo. Aquí as cousas fanse cando xa non queda máis remedio e alguén empeza a protestar. Neste caso foron as familias. Primeiro cómpranlles o xoguete e algúns danse conta que crea problemas nos seus fillos/as e no canto de amañar a cousa en familia ou buscar as causas que producen o mal uso deste aparello, o máis fácil e renunciar á propia responsabilidade educativa e cárganlle todo á escola.

Sempre que hai un problema e ninguén se quere responsabilizar del, cárganlle o arranxo aos docentes, que aínda que teñen pouco recoñecemento social, e están mal incentivados, preténdese que teñan a capacidade sobrehumana para solucionar todos os problemas que crea a sociedade. Cando aparece un problema de saúde, tráfico, drogas, sexualidade, comportamento, internet, medio ambiente, paz, feminismo, economía, etc, rapidamente se busca un programa educativo para calar as conciencias.

Os nenos e nenas aprenden por imitación, fan o que ven. Como podemos pretender que non estean enganchados ás pantallas dos móbiles se dende pequenos se lles incita a seu uso para entretelos, para que nos deixen tranquilos mentres nós miramos as nosas pantallas?.

Hai moita xente nova e maior que non pode vivir sen o teléfono intelixente, que xa é máis intelixente que os usuarios. As empresas crean programas para engancharnos no consumo, os bancos para que lles fagamos o traballo gratis e as administracións para non atendernos persoalmente. A propia Consellería de Educación ten aplicacións para que familias e alumnos podan acceder a xestións académicas, para avisos, para acceder a material didáctico. E cando máis che está sabendo, van e quítanche o caramelo da boca.

Penso que esta decisión non vai ser ben entendida porque é incoherente e vai a contracorrente da realidade social. Por outra banda as excepcións para o seu uso nos centros educativos vanse acabar facendo norma. Como ocorreu con todas as prohibicións, o divertimento dos humanos estivo sempre en saltalas. Incumprir as normas xera moita adrenalina e para iso están os corredores, os servizos, os recunchos do patio e posiblemente outras moitas formas que os propios teléfonos, coa súa intelixencia artificial, propoñerán.

Se non se analizan as causas nocivas do seu uso e non se cambian comportamentos adquiridos, as posibilidades de éxito desta medida penso que non son moitas. A escola axuda a adquirir coñecementos e reforza comportamentos positivos de integración social, pero é toda a sociedade, e moi especialmente as familias, as que educan de xeito integral. Non se pode renunciar á responsabilidade que cada un ten na educación das futuras xeracións.

Exit mobile version