Site icon Crónica3.com A Mariña

Tomé felicita na Fonsagrada aos gañadores da segunda edición do Trail Terras de Burón

Lugo, 27 de xaneiro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este sábado xunto ao Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, na entrega de premios do Trail Terras de Burón, que se celebrou, por segundo ano consecutivo, no municipio fonsagradino co apoio da Deputación de Lugo.

Tomé Roca felicitou aos gañadores e gañadoras que participaron nas distintas distancias e modalidades. Uns parabéns que trasladou ao resto de participantes, “porque en deportes de tanta esixencia, o feito de participar e esforzarse é tamén unha vitoria persoal”. Tamén tivo agradecementos o Presidente para os organizadores do Club Terras de Burón, o Alcalde e o seu equipo de goberno, “polo traballo para consolidar unha proba que en tan pouco tempo vai camiño de ser un referente no atletismo galego e nacional”.

“Esta competición, realmente espectacular no seu trazado, é unha fiestra aberta sobre a paisaxe da Fonsagrada. Unha forma moi atractiva de dar a coñecer o patrimonio natural, cultural e monumental da nosa provincia. Os participantes percorren a ruta, e as fotos, os vídeos, as experiencias e as lembranzas da proba viaxan lonxe a través dos medios de comunicación e das redes sociais”.

O II Trail Terras de Burón, tamén coñecido como Trail de Inverno, contou cunha andaina e tres carreiras de montaña con distintas distancias: o trailiño, o Trail das Seimeiras, e a Maratón das Seimeiras. Nesta segunda edición, a proba deportiva duplicou practicamente o número de participantes con respecto ao ano pasado, que estivo en torno ás 350 persoas.

Exit mobile version