Site icon Crónica3.com A Mariña

Trala visita de Rueda, o BNG de Ribadeo bota en falta un pronunciamento claro do presidente da Xunta e do alcalde sobre as inversións prometidas polo PP

Ribadeo, 20 de xaneiro, 2024. O BNG de Ribadeo cre que “unha vez máis, coa visita do presidente en funcións da Xunta a Ribadeo, e coa actitude case servil do alcalde de Ribadeo ante o seu xefe de partido, podemos constatar que todo o prometido para Ribadeo polo Partido Popular converteuse nunha cortina de fume da que foxen coma gato escaldado. Ben o puidemos ver, unha vez máis, hoxe, coa visita de Alfonso Rueda a Ribadeo. Por certo, unha visita que se encadra plenamente nos actos de precampaña do PP e que, no entanto, o goberno municipal anuncia nas redes sociais do Concello como se fose un acto institucional. Teñen as súas redes sociais ao pairo, e empregan as do Concello, pagadas con diñeiro de todos e todas, coma se fosen da súa propiedade particular”.

O BNG de Ribadeo demanda do PP ribadense que explique cando se van facer efectivos eses 700.000€ que o actual alcalde prometeu en campaña electoral que ían vir para Ribadeo para reformar integralmente o Hospital asilo se os populares ribadenses gañaban as eleccións municipais. “Queremos saber por que razón os deputados e deputadas do PP se opuxeron ás emendas presentadas polo BNG para que se destinaran fondos a dita reforma e tamén á construción do novo centro de saúde. Queremos saber por que non aproveitou hoxe o alcalde de Ribadeo para demandarlle ao candidato do PP á presidencia da Xunta un compromiso firme con esas promesas feitas polo seu partido en Ribadeo. É que lle dá a risa ao señor Rueda cada vez que escoita falar a Daniel Vega desa promesa electoral feita? Por iso mesmo non lle di nada o alcalde de Ribadeo ao presidente da Xunta? Vista a presenza de candidatos ou candidatas vinculados a Ribadeo nas listas electorais do PP pola provincia de Lugo, semella que si”.

Non pode ser que o Partido Popular de Ribadeo, engaden os nacionalistas, “deixe de lado ás súas veciñas e veciños só por agradar ao seu xefe de partido. Chegaron a soar as sereas por Ribadeo ao paso da comitiva popular! Mesmo se chegou a baldear unha das beirarrúas da Avenida Calvo Sotelo. A ver se adiviñan cal! Xustamente: a do tramo no que está a sede municipal do PP. É que até no baldeo de rúas se vai discriminar á veciñanza? Que motivo levou á concellaría de medio ambiente a ordenar o baldeo da rúa na que está a sede do PP e non a de en fronte, ou a da mesma beira, a partir do cruce con Camilo Barcia? E todo este servilismo só dá para que Alfonso Rueda veña facer a súa campaña sen abordar os problemas que ten Ribadeo?! Só dá para que na TVG falen de Rueda e nin mencionen o noso concello? Cando se vai comprometer seriamente o PP de Galicia con Ribadeo? Ben pouco caso lles podemos facer ás súas promesas de cara ao 18 de febreiro se tanto rin á conta nosa e tan pouco se fai valer o Partido Popular de Ribadeo”.

“O alcalde de Ribadeo está a mergullarse nunha sorte de megalomanía que mesmo arrastra a quen ten á súa beira. Ben se pode coidar a xente de non crer todas as súas promesas. De feito, xa comezan a facer augas algunhas das súas falcatruadas neste verán de gasto desbocado, de “ta to pagao”, que deixou unha sensación de preocupación que pouco a pouco irá medrando máis. Xa comezan a chegar facturas denegadas desde a Xunta, xa comezan a verse reparos graves por parte de quen ten que fiscalizar a acción de goberno, xa comeza a propagarse a sensación, entre os técnicos e técnicas do concello, de que hai que ter tino co que se asina, que non todo vale. Que este home non o pode todo e o único que pode é meternos a todos e todas nós en serios problemas que acaben condicionando a viabilidade do concello. Non. Hai que lle facer fronte. Con rigor e con seriedade, sen facer espaventos. Sen se deixar levar por esa actitude abafante de chucho vai chucho vén, que te deixa sen palabras. Non, señor alcalde: non todo vale! Temos unha boa oportunidade o 18 de febreiro de demostralo e facer valer o peso de Ribadeo”.

Exit mobile version