Site icon Crónica3.com A Mariña

Un estudante do IES Perdouro participará o sábado na Olimpíada Informática Galega

A Mariña, 31 de xaneiro, 2024. O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade de Vigo (UVigo), Universidade da Coruña (UDC) e Universidade de Santiago (USC)– e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, organizará a Olimpíada Informática Galega 2024 (OIG 2024) o vindeiro sábado, 3 de febreiro.

A olimpíada celebrarase de xeito presencial na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (ESEI) da Universidade de Vigo (Edificio Politécnico s/n. Campus de Ourense) de 10:00 a 14:30 horas, coa colaboración da Facultade de Informática da Coruña da UDC e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. A organización da OIG pechou a inscrición do certame con 26 participantes. A axenda da xornada é a seguinte:

10:00 h Recepción de estudantes e acceso ás aulas.
10:15 h Benvida por parte do comité organizador e presentación da Olimpíada. Interveñen o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; e o director da ESEI, Arno Formella.
10:45 h Entrega de credenciais de usuario/a e conexión á contorna de desenvolvemento da proba.
11:00 h Inicio da proba.
14:00 h Fin da proba.
14:15 h Acto de clausura, incluíndo a resolución do xurado. Intervén o vicerreitor do Campus de Ourense da UVigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo.

Inscribíronse estudantes de entre 15 e 18 anos, naturais da Coruña (4 participantes), Vigo (2), Ribeira (1), Ames (1), Santiago de Compostela (5), Brión (2), Negreira (1), Narón (1), O Barco de Valdeorras (2), Teo (1), Burela (1), Ferrol (1), O Porriño (1), Redondela (1), Vedra (1) e Allariz (1). Os estudantes proceden de 15 centros da comunidade galega:

O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria (ESO), bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día e necesaria para a formación integral da mocidade.

A competición consistirá na resolución de seis problemas nun prazo de tres horas. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos.

A olimpíada deste ano está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: Amazon AWS, Apser, Clúster TIC Galicia, Denodo, Dinahosting, DXC Technology, GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Oracle, Sixtema e Veritas. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO.

A fase internacional celebrarase en Exipto en setembro

Os dous primeiros clasificados na OIG 2024 accederán de xeito directo á fase nacional da XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 15 ao 17 de marzo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla. De aí, os gañadores poderán acceder á 36ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará en Exipto no mes de setembro.

Exit mobile version