Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha colisión múltiple entre un coche e dous camións obriga a excarcerar a dúas persoas en Foz

Foz, 10 Xaneiro, 2024. Dous ocupantes do turismo tiveron que ser excarcerados polos servizos de emerxencia esta mañá tralo accidente na N-642, no quilómetro aproximado 32, en Foz.

A información chegou ao 112 Galicia mediante o aviso de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ás 08 horas desta mañá. Nesta chamada indicaban que un turismo colisionara contra un camión que transportaba madeira e que dúas persoas estaban feridas, aínda que nun principio non podían confirmar se estaban atrapadas.

Con estes datos, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias-112 Galicia pasaron o aviso aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos membros de Protección Civil de Foz.

Unha vez no punto, os Bombeiros informan ao 112 Galicia que finalmente hai outro camión implicado no accidente, o cal transporta ácido sulfúrico aínda que sen risco de fuga, xa que a carga non se viu afectada. Segundo indican, o turismo estaba a adiantar a uns dos camións e colisionou frontalmente co outro camión implicado.

Con todo, malia que os condutores do camión resultaron ilesos, foi necesario empregar o material de excarceración con dous ocupantes do turismo, os cales foron trasladados ao centro hospitalario de referencia.

Exit mobile version