Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Saúde denuncia que o Hospital da Mariña atópase cun só cardiólogo

Un profesional para atender a máis de 70.000 pacientes

Burela a 16 de febreiro de 2024. A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda das tres escasas prazas que ten dotadas, cun só especialista en cardioloxía.

“Unha vez máis, a causa é a nefasta xestión desta dirección, provocando traslados e ingresos de pacientes da Mariña ao HULA por falta de especialistas, a máis de 100 Km, e arrastrando con eles as súas familias”, denuncian.

DATOS E CONSECUENCIAS

Dende CIG Saúde A Mariña explican que “cun só un cardiólogo é imposible atender a consulta diaria, os ingresos na planta, ou atender urxencias”, polo que:

1. O Hospital da Mariña só asumirá 4 pacientes ingresados de cardioloxía, a partires de aí son trasladados e ingresados no HULA.

2. Os pacientes cun episodio cardiovascular agudo e que precisan dun cateterismo, derívanse a Hemodinámica no HULA e xa quedan ingresados en Lugo por falta de especialistas na Mariña.

3. Aumento das listas de agarda para a realización de probas diagnósticas, en consultas de revisión imprescindibles, en primeiras consultas para diagnosticar. Inasumibles e vergoñentas, que multiplicarán as que xa había até o de agora.

URXE RESCATAR A SANIDADE PÚBLICA

En resumo, e froito das políticas sanitarias do Partido Popular polo que “atopámonos con menos e peores servizos, máis derivacións e ingresos no HULA de pacientes da Mariña, máis listas de agarda e a imposibilidade de garantir una sanidade digna e de proximidade aos mariñaos e mariñás”, sinalan.

Para a sindicato nacionalista galego “é fundamental rescatar a sanidade pública galega para garantir un servizo básico de calidade e proximidade”, conclúen.

Exit mobile version