Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Seguridade valora de xeito positivo a celebración en Ribadeo dun curso de socorrismo e anima a inscribirse

Ribadeo, 23 de febreiro de 2024. A concelleira de Seguridade, Montse Seijo, valora de xeito positivo a celebración en Ribadeo dun curso de socorrismo.

A edil ribadense subliñou que “as persoas interesadas en participar neste curso co que a Xunta formará a 27 socorristas en Ribadeo poden inscribirse desde hoxe ata o 4 de marzo, a través da páxina da Academia Galega de Seguridade Pública”.

Para Seijo “esta é moi boa noticia para Ribadeo, debido ao problema dos últimos anos por falla de socorristas”.

A concelleira de Seguridade explicou que “o curso consta dun total de 240 horas, das que 120 corresponden á proba específica de natación. Vaise impartir os fins de semana de abril e maio. O obxectivo é proporcionar a formación mínima que deben reunir os socorristas acuáticos para o seu exercicio profesional na comunidade”.

Montse Seijo indicou que “ademais dunha proba específica de natación, o programa inclúe contido sobre prevención de situacións de risco e vixilancia en instalacións acuáticas e en espazos acuáticos naturais, intervención e rescate, primeiros auxilios e actuación inicial en emerxencias”.

E tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia: “nós, dende o Concello, agradecemos á Xunta que Ribadeo sexa un dos seis concellos onde se levará a cabo esta formación específica e convidamos a todos aqueles que estean interesados a que se inscriban canto antes”.

Exit mobile version