Site icon Crónica3.com A Mariña

A diócese emite un comunicado en relación coa moción presentada ante o pleno do Concello de Lourenzá respecto da inmatriculación do mosteiro de San Salvador

Mondoñedo-Ferrol, 7 de febreiro de 2024. Diante das novas publicadas en relación coa moción presentada ante o pleno do Concello de Lourenzá respecto da inmatriculación do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, o Bispado de Mondoñedo-Ferrol quere manifestar:

1º) Que sobre o que foi o antigo mosteiro de San Salvador coexisten dúas titularidades: a que corresponde ao concello e a que foi adquirida por este bispado en 1943 por compravenda á Orde Benedictina, sen que en ningún momento se teña dado problema algún de delimitación da parte que a cada institución corresponde nin respecto dos usos que pola diocese se lle foi dando en cada momento.

Esa titularidade do bispado, como é notorio, nunca foi impedimento para o uso público do mosteiro, no marco da vontade desta institución de colaborar coas administracións públicas en beneficio da sociedade. En particular, desde o ano 1993 o Centro Municipal de Servizos Sociais está ubicado no Torreón do Mosteiro, en virtude dun convenio asinado entre concello e bispado, sucesivamente renovado ata o día de hoxe.

Igualmente, o concello ten cedidas na actualidade as dependencias en torno ao claustro principal do mosteiro e o chamado Campo dos Bolos, para usos socioculturais. Estas cesións son mostra inequívoca do compromiso do bispado co concello e a veciñanza, e da súa convicción de que o futuro do mosteiro, unha vez rehabilitado, pasa polo uso compartido deste inmoble tan senlleiro tanto para esta diocese como para a vila de Lourenzá.

2º) Que para este bispado a rehabilitación do mosteiro é un obxectivo prioritario, para o que leva anos facendo xestións, sempre en permanente contacto co Concello de Lourenzá e coa Xunta de Galicia, e atopando pola súa banda o máximo interese e a mellor disposición.

A tal fin, e de acordo con ambas administracións, o bispado ven de solicitar unha subvención dentro do Programa «2% Cultural» do Goberno de España, presentando un proxecto de rehabilitación das cubertas e das zonas actualmente cedidas ao concello, cun orzamento de 4.286.798 euros, dos que se piden ao ministerio 3.000.000 euros. Dita convocatoria esixe nas súas bases que os inmobles que se presenten estean inscritos no Rexistro da Propiedade, razón pola cal o bispado iniciou os trámites a tal efecto. A obtención da subvención implica o compromiso do bispado de que os espazos nos que se actúa se manterán cun uso público polo menos durante cincuenta anos.

3º) Que nos causa sorpresa e profunda tristura que, precisamente neste momento en que hai a posibilidade de que se poida afrontar a tan agardada rehabilitación do mosteiro, se xere unha polémica artificial e interesada, que mesmo pode prexudicar a consecución das axudas que a farían posible. Agardamos que estas explicacións contribúan a que un proxecto que tan beneficioso sería para todos siga concitando a unidade de todas as administracións e da cidadanía.

Exit mobile version