Site icon Crónica3.com A Mariña

Ampliado o prazo para participar nos concursos de fotografía amateur ‘Traballos e mulleres’ e de debuxo escolar ‘Mamá traballadora’ do Concello de Viveiro polo 8M

Viveiro, 26 de febreiro de 2024. O Concello de Viveiro, en colaboración co Centro de Información á Muller (CIM), amplía ata o 8 de marzo o prazo para participar nos concursos conmemorativos do Día Internacional da Muller.

Por unha parte está o Concurso de Fotografía Amateur “Traballos e Mulleres”, dirixido a fotógrafos/as afeccionados non profesionais e que sexan maiores de idade.

“A temática das fotografías debe ser a muller e o traballo en calquera ámbito da vida, tanto público como privado, para visibilizar e concienciar sobre o papel da muller en todos os sectores da nosa sociedade”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

Convocouse tamén o Concurso de Debuxo Escolar “Mamá Traballadora”, dirixido ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria dos centros educativos do Concello de Viveiro.

“A temática será a visión que os nenos e nenas teñen dos traballos que fan as súas nais, tanto no privado como no público, para poñer en valor dito traballo e co desexo de que sigan aportando a súa visión particular das mulleres que as rodean, agradecendo tamén a colaboración dos centros educativos”, asegura a concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández-Noriega.

As bases de ambas convocatorias están publicadas na páxina web e no taboleiro de edictos do Concello de Viveiro.

Para calquera información pódese contactar co Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Viveiro: 982 88 84 19 e cim@viveiro.es

Exit mobile version