Site icon Crónica3.com A Mariña

As laranxas tiran de épica para derrotar ao Futsi e coarse na final da Supercopa

As mariñás loitarán este domingo polo título diante do Poio Pescamar logo de igualar un 1-3 adverso na segunda metade e vencer nos penaltis

Burela, 3 de febreiro, 2024. Un Pescados Rubén Burela inquebrantable disputará este domingo a final da Supercopa despois de derrotar ao Futsi Atlético Navalcarnero na quenda de penaltis dunha semifinal que acabou o seu tempo regulamentario con empate a tres tantos. Nun partido durísimo, as mariñás foron quen de igualar un 1-3 adverso na segunda parte e unha parada de Caridad no sexto penalti outorgoulles o billete para a súa quinta final consecutiva desta competición.

A cita polo título, coas cámaras de Teledeporte en directo, dará comezo ás 21 horas deste domingo no Palacio San Miguel de Torremolinos. O rival será o Poio Pescamar, que tamén logrou o pase á final na quenda de penaltis derrotando no seu caso ao STV Roldán. Pontevedresas e mariñás reeditarán, deste xeito, a final do 2021 disputada en Vista Alegre, que se saldou con triunfo laranxa por 2-0.

O Clásico do fútbol sala español cumpriu coas expectativas e deixou outro encontro cheo de batallas entre as mariñás e as navalcarnereñas. Pegou primeiro e por partida dobre o Futsi con dous tantos no primeiros sete minutos de xogo. Corría o catro cando un balón perdido en primeira liña polas burelistas xeraba unha superioridade das atléticas que aproveitaba moi ben no segundo pau Laura Córdoba. Uniríase á festa visitante a súa xemelga, Irene, tres minutos máis tarde definindo con calidade un contragolpe no que se plantaba soa ante Caridad.

As Guerreiras Laranxas acusaron o golpe, pero souberon aguantar ben esta primeira arremetida e rápido tiveron opción de reducir distancias cun balón ao pau de Irene Samper no minuto 9. Puido facer máis sangue Irene Córdoba nun novo contragolpe, pero non soubo aproveitar o pase da morte da súa irmá e rematou ao pau. Posteriormente, Caridad aparecía en dúas ocasións para desbaratar o terceiro do Futsi, primeiro nun man a man ante María Sanz e logo sacando un bo pé abaixo nun lanzamento de Becha. A seguinte gran oportunidade para as laranxas volvería estar nos pés de Irene Samper no minuto 14. O seu disparo tocaba nunha futbolista de Futsi, envelenábase e remataba impactando de novo na trabe da meta rival.

O acoso burelense continuaba con dúas ocasións para Dany e ao final as discípulas de Julio Delgado recollían o premio á súa insistencia a catro minutos do descanso nunha acción na que Patricia remataba a pracer no segundo pau un gran envío de Emilly. Durou pouco a alegría das mariñás, que poucos segundos despois vían como perdían a Cilene. Os árbitros castigaban cunha vermella directa unha entrada sobre Leti e a brasileira perderase a final deste domingo por sanción.

Na superioridade numérica, o Futsi volvería poñer terra polo medio cun gol de María Sanz e Caridad tíñase que empregar a fondo a segundos do descanso para despexar un lanzamento de Ari. Con 1-3 no marcador, as futbolistas fóronse aos vestiarios tras un primeiro tempo cheo de adversidades para as da Mariña.

O descanso veulles ben ás de Julio Delgado, que pasaron a dominar por completo o partido na segunda metade. Irene Samper e Emilly estiveron preto de anotar o segundo gol local, pero no mellor momento das mariñás, Cami caía lesionada ao mancarse no ombreiro. Cando parecía que as Guerreiras Laranxas podían bicar a lona, sacaron todo o seu orgullo para conseguir a igualada. O primeiro crochet foi obra de Irene Samper no minuto 32 tras roubarlle a carteira a Laura Córdoba e bater a Marta Balbuena cun zurdazo desde fóra da área.

Coas atléticas con cinco faltas desde o minuto 33, tivo a primeira oportunidade para igualar Antía cun dobre penalti, pero o seu disparo despexábao Marta Balbuena. A segunda vez que o Pescados Rubén Burela foi ao punto dos dez metros, Emilly non perdoaba e poñía o 3-3.

As visitantes sufrían e Alberto Arranz apostaba polo xogo de cinco para cortar o ritmo das mariñás. Lográbao, pero a pesar diso as burelistas terían outra ocasión inmellorable para levar a vitoria a menos de dous minutos da conclusión. Unha falta sobre Dany cando a hispano-brasileira avanzaba soa cara ao marco contrario levaba outra vez o balón aos 10 metros. Repetía Emilly, pero nesta ocasión o seu punteirolo facía tremer o longueiro da meta atlética.

O tempo regulamentario remataba e o punto fatídico ditaría sentenza cunhas Guerreiras Laranxas moi inspiradas. Antía, Irene Samper, Rafinha, Patricia, Emilly e Dany anotaban os seus respectivos penaltis, mentres que Caridad paraba o de Pilar Ros na morte súbita e as mariñás celebraban un sufrido e traballado pase á final.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 3-3 Futsi Atlético Navalcarnero (6-5 nos penaltis)

Pescados Rubén Burela FS (3): Caridad; Cilene, Antía, Dany, Emilly -quinteto inicial-, Cami, Irene Samper, Patricia, Rafinha e Ana Eliza (ps).

Futsi Atlético Navalcarnero (3): Marta Balbuena; Irene Córdoba, Leti, María Sanz, Laura Córdoba -quinteto inicial-, Ju Delgado, Ari, Becha, María Moreno, Bea Parrón (ps) e Pilar Ros.

Goles: 0-1, min. 4: Laura Córdoba. 0-2, min. 7: Irene Córdoba. 1-2, min. 16: Patricia. 1-3, min. 18: María Sanz. 2-3, min. 32: Irene Samper. 3-3, min. 35: Emilly, de dobre penalti.

Penaltis (6-5): Antía (Burela) – Gol / Leti (Futsi) – Gol / Irene Samper (B) – Gol / Irene Córdoba (F) – Gol / Rafinha (B) – Gol / Laura Córdoba (F) – Gol / Patricia (B) – Gol / María Moreno (F) – Gol / Emilly (B) – Gol / María Sanz (F) – Gol / Dany (B) – Gol / Pilar Ros (F) – Para Caridad.

Árbitros: Mayo López (Colexio Madrileño) e García López (Colexio Andaluz). Expulsaron con vermella directa á burelista Cilene no minuto 16. Tamén amonestaron a Emilly e Cris Blanco polo Pescados Rubén Burela e a Irene Córdoba e Laura Córdoba polo Futsi Atlético Navalcarnero.

Incidencias: Segunda semifinal da Supercopa de España disputada no Palacio San Miguel de Torremolinos (Málaga) diante de máis de 1.300 espectadores. Nos prolegómenos do encontro, o presidente do Comité Nacional de Fútbol Sala, José Miguel Monje, e a presidenta da Asociación de Jugadoras de Fútbol Sala, Natalia Orive, fixéronlles entrega a Dany, Irene Samper e Emilly dos premios outorgados pola asociación como mellor pívot, mellor á esquerda e mellor xogadora, respetivamente, da pasada temporada.

Exit mobile version