Site icon Crónica3.com A Mariña

José Tomé: “Primeiro o PP traizoou á Mariña con Altri e agora quere boicotear o proxecto en Palas con mentiras”

O Goberno do Estado ten “un compromiso absoluto coa empresa, que, como calquera outra iniciativa empresarial, terá garantida a conexión eléctrica cando teña determinado o proxecto”, subliñou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, quen lle pide a Rueda que “explique canto aportará a Xunta”

Lugo, 1 de febreiro de 2024. “Primeiro o PP traizoou á Mariña con Altri e agora quere boicotear o proxecto en Palas de Rei con mentiras”. Así se pronunciou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Romé Roca, tras as acusacións vertidas polos populares contra o Goberno central en relación coa iniciativa empresarial do grupo portugués.

José Tomé subliñou que o Goberno do Estado ten “un compromiso absoluto coa empresa, e que, como calquera outra iniciativa empresarial, terá garantida a conexión eléctrica cando teña determinado o proxecto”. Ademais, pediu a Rueda que “explique dunha vez canto aportará a Xunta”.

O socialista asegurou que o Partido Popular “ten mala conciencia e trata de culpar aos demais das súas propias responsabilidades”. Lembrou que “a Xunta de Galicia, con Feijóo e Rueda, comprometeu a instalación da fábrica textil na Mariña para logo, dun día para outro e sen falar con ninguén, traizoar aos mariñanos deixándoos sen este proxecto, e sen ningún outro”. “Agora dedícanse a torpedear a iniciativa en Palas con mentiras co único fin de danar ao Gobenro e arañar uns votos”.

O PP vota en contra dos fondos europeos que pide para Altri

José Tomé incidiu en que o PP “votou hai moi pouco no Congreso dos Deputados en contra de que España recibise 10.000 millóns de euros máis de fondos europeos, conseguidos polo Goberno de Pedro Sánchez, para proxectos como o de Altri e, por riba, dedícase a lanzar bulos para embarrar a campaña”. “De Elena Candia, a campioa do xogo sucio, a quen Rueda premiou por entregar os anónimos contra Besteiro, só podemos esperar iso: xogo sucio”.

O Partido Popular “non pode tapar con mentiras a súa inacción e incapacidade política en industria porque o Estatuto de Autonomía asigna á Xunta as competencias nesta materia”. “Polo tanto, Feijóo e Rueda son os únicos responsables de que Galicia perdese uns 45.000 empregos no sector nestes 15 anos de goberno”.

“Como Alcalde de Monforte e como Presidente da Deputación de Lugo levo anos pedíndolle á Xunta un plan industrial para a provincia e para toda Galicia, e nunca fixo nada. Non ten ningún plan, nin bo, nin malo, nin regular”, asegurou Tomé Roca, quen garantiu que Besteiro “superará a falta de política industrial do PP liderando unha Xunta que deixará de ser un obstáculo para converterse en compañeira de investimentos do tecido económico, activa e dinamizadora”.

De feito, José Ramón Gómez Besteiro “xa fixo máis pola industria galega en tres meses ca Rueda en década e media”, recalcou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia, poñendo como exemplo a conexión do hidroducto Guitiriz-Zamora á rede europea de hidróxeno, a nova carga de traballo para Navantia Ferrol ou a rede de moi alta tensión para Stellantis.

Exit mobile version