Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz traballa de forma activa na mellora do abastecemento de Cordido cunha obra de emerxencia para conectar a rede desa parroquia coa de Cangas

Foz, 24 de febreiro de 2024. O Concello de Foz traballa de forma activa na mellora do abastecemento de Cordido. Dado que os parámetros da auga da traída nesta parroquia seguen sen estar dentro dos límites establecidos, o Concello de Foz, a través da actual concesionaria Gestagua comeza hoxe, sábado día 24 de febreiro, unha obra de emerxencia para conectar a rede de Cordido coa rede de abastecemento de Cangas. Deste xeito o Concello de Foz subministrará a Cordido auga potabilizada na ETAP de Fazouro e así poderase eliminar a recomendación de non usar a auga para beber ou cociñar.

O alcalde, Fran Cajoto, explica: “vimos a necesidade urxente de dar unha solución aos veciños de Cordido, por iso comezamos as obras este sábado. Un subministro alternativo a Cordido desde a potabilizadora de Fazouro vainos permitir subministrar auga para que os veciños a poidan consumir con total tranquilidade e sen ningún tipo de recomendación e tamén xestionar mellor a rede ante casos coma este”.

Fran Cajoto anuncia tamén que onte, venres, o Concello de Foz recibiu de Augas de Galicia a legalización da captación de Cordido. “Con esta concesión queda pendente unicamente que a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia dea o visto bo para que o Plan Xeral de Ordenación de Foz se aprobe de forma completa. As veciñas e veciños de Cordido levan seis anos agardando para poder construír unha vivenda: xa é hora de que se resolva este bloqueo administrativo e poidan ter os seus dereitos garantidos como o resto de veciños de Foz”.

Exit mobile version