Site icon Crónica3.com A Mariña

O DOG publica a aprobación do proxecto de trazado para a mellora da capacidade e da seguridade da LU-540, entre Viveiro e Cabreiros

A intervención conta cun orzamento de 15 M€, estando previsto licitar a primeira fase nas vindeiras semanas

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado para a mellora da capacidade e da seguridade da estrada LU-540, entre Viveiro e Cabreiros.

Trátase do acondicionamento da estrada LU-540, ao longo de 35 quilómetros, que se levará a cabo en dúas fases e suporá un orzamento de 15 M€. As obras da primeira fase prevense licitar nas vindeiras semanas.

A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 25 de xaneiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas pola execución desta intervención.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240207/AnuncioG0181-290124-0001_gl.html

Actualmente, o treito interurbano da estrada, a partir do punto quilométrico 5, unha vez pasado Landrove, presenta unha alta porcentaxe de prohibición de adiantamento, dun 73% en sentido Lugo e dun 83% en sentido Viveiro, e ten curvas de radio reducido.

A través do proxecto cuxa aprobación publica hoxe o DOG reduciranse os tempos de percorrido mediante a implantación de carrís adicionais de adiantamento en rampla naqueles treitos nos que a pendente supere o 3%, e ampliando a capacidade. Ademais, rectificaranse as curvas máis complicadas, ampliando os radios, de modo que todo o trazado permita circular a 90 km/h.

Os obxectivos da actuación son reforzar a competitividade territorial das comarcas da Mariña e da Terra Chá, mellorar a seguridade viaria dos condutores e ofrecerlles aos veciños desprazamentos máis eficientes.

Exit mobile version