Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reivindica o futuro empresarial da provincia e insiste en demandar ao Goberno que garanta a viabilidade de Altri

O PP lucense aposta pola industria e pola creación de emprego e, polo tanto, insiste en demandar ao Goberno de Pedro Sánchez que “garanta a viabilidade de Altri e o acceso a fondos europeos” toda vez que “permitiría a creación de 2.500 empregos”

Lugo, 10 de febreiro, 2024. Así o reiterou a conselleira de Economía, Industria e Innovación e candidata pola provincia da Coruña, María Jesús Lorenzana, durante unha visita a Monterroso, na comarca da Ulloa, onde lembrou que no seu departamento autonómico están traballando nunha ducia de proxectos industriais na provincia, con investimentos privados que superan os 1.500 millóns de euros e máis de 3.000 postos de traballo de nova creación. E, como punta de lanza, destacou o proxecto da fábrica de biofibras que Altri quere impulsar en Palas de Rei. Unha iniciativa que, asegurou, “sairá adiante se a sociedade galega entende a súa relevancia e todas as Administracións traballan na mesma dirección”, dixo en referencia ao impulso que tería a factoría no caso de recibir fondos europeos.

Previamente tamén se achegou a Taboada xunto á candidata ao Parlamento Alicia López e outros membros do PP lucense para visitar Aira Cooperativa Galega.

A popular destacou a capacidade da firma lucense para saber crecer e ser un referente en España despois de integrar diferentes actividades agrogandeiras con presencia no sur de Lugo: “É un bo exemplo do que podemos facer en Galicia cando traballamos unidos polos mesmos obxectivos. E a demostración de que Lugo ten futuro empresarial”.

Exit mobile version