Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado o partido que disputarán en Ribadeo o Pescados Rubén Burela e o Poio Pescamar este mércores

Ribadeo, 12 de febreiro de 2024. Hoxe foi presentado o partido de fútbol sala feminino que disputarán en Ribadeo o Pescados Rubén Burela e o Poio Pescamar este mércores, 14 de febreiro. A entrada é gratuíta.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, dixo que “tal e como anunciamos hai uns días Ribadeo acollerá a semifinal da Copa Galicia de Fútbol Sala Feminino, que disputarán o Pescados Rubén Burela FS e o Poio Pescamar FS. Será este mércores, 14 de febreiro, ás 20.30 horas no pavillón municipal”.

O edil ribadense lembrou que “o Pescados Rubén Burela foi elixido en xaneiro de 2021 e 2022 como o mellor club do mundo nos Futsal Planet Awards. As burelesas veñen de proclamarse campioas da supercopa de España en Torremolinos contra o Poio Pescamar FS”.

Silven engadiu: “hoxe presentamos este importante partido xunto ao Pescados Rubén Burela. Queremos animar aos amantes do fútbol sala a achegarse o mércores a Ribadeo a presenciar este encontro de fútbol sala feminino de primeiro nivel, que se vai disputar por primeira vez en Ribadeo. Estamos encantados de acoller este partido e agardamos poder repetir esta experiencia noutras ocasións. Lembrade que a entrada é gratuíta”.

No acto de presentación participaron o Pescados Rubén Burela xunto ao alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, o xefe provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.

Exit mobile version