Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentados os campionatos de baristas e cata de café do IES de Foz

Foz, 19 de febreiro, 2024. Os campionatos de baristas e cata de café do IES de Foz celébranse dende o mércores 21 ata o venres 23 de febreiro no propio IES. É xa a decimosexta edición do campionato de baristas, o decimoprimeiro campionato de cata e o décimo campionato de baristas profesionais.

Un ano máis, supérase e trae 18 participantes de oito Comunidades Autónomas: Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Castela e León, Madrid, Canarias e Galicia, incluídos dous centros de Educación Especial.

Pero todo isto non é traballo dun só día, nin dunha soa persoa, dende o Ies de Foz síntense especialmente orgullosos da estreita colaboración establecida con toda a contorna na que traballan, dende o IES San Rosendo de Mondoñedo que elabora os centros de mesa ata a ACIA de Foz que organiza un sorteo, aproveitando o campionato, entre todos aqueles clientes que degusten café na hostelería local, e sen esquecer, por suposto, as Administracións Públicas.

O evento comenzará o mércores ás 16,30 da tarde coas primeiras intervencións e remata o venres co Campionato de Profesionais. Segue co formato usado nos últimos anos: celebración no salón de actos do centro, degustación na furgoneta no exterior do salón e, como novidade este ano, poderase probar o café que elaboren os participantes trala súa intervención. Ademais nesta edición cóntase coa colaboración da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, que en alianza coa Asociación de Cociñeiros de Lugo, elaborarán receitas con peixe durante a degustación do xoves.

Polo IES de Foz participarán Carmen Barba, na modalidade de Campionato de Cata e Javier Carreño na modalidade de Baristas de escolas. A dirección desexa toda a sorte do mundo e, sobre todo, que a experiencia lles sirva para enriquecer e completar a súa formación.

Por último, dan as grazas a toda a comunidade educativa do IES de Foz que colabora xenerosa e activamente para que sexa un éxito, dende o alumnado e profesorado ata o persoal de limpeza, conserxes…

Exit mobile version