Site icon Crónica3.com A Mariña

Vitoria contundente e traballada en Leganés (1-5)

Nun partido competido, especialmente na primeira parte, as mariñanas conseguen impoñerse ante o CD Leganés FSF nun bonito partido ofrecido por parte de ambos conxuntos

Burela, 24 de febreiro, 2024. Ás 11.00h desta mañá, no pavillón Europa, en Leganés, disputábase a 20ª xornada de Primeira División Iberdrola, CD Leganés FSF – Pescados Rubén Burela FS, cun resultado final 1-5. As primeiras clasificadas ante as últimas da táboa enfrontáronse nun bonito partido, competido e con boas xogadas por parte de ambos os conxuntos. Un Leganés que o tiña difícil ante un equipo máis forte, a pesar das baixas de última hora de Irene Samper e Emilly por motivos persoais. Aínda que con dous goles de vantaxe ao descanso, o conxunto local pon en apertos ao Burela en toda a primeira parte, na que as Guerreiras Laranxas meten dous goles en 30 segundos. Na segunda parte o conxunto de Julio Delgado desmárcase non deixando opción ao equipo madrileño á remontada.

Comeza o partido creando oportunidade o Leganés e continúa cun Burela ao que lle custa atinar na portería. Tras dous paus chega o gol, no minuto 15, da canteirá burelense de 22 anos, que cada vez se está gañando máis minutos de xogo, Cris Blanco, cun disparo desde case o punto de penalti a un pase de Antía Pérez. 30 segundos despois a recentemente chegada dos partidos amigables ante Portugal coa Selección Española, a nosa capitá Dany, remata un disparo de Patricia conseguindo o 0-2 que as levará ao descanso.

No segundo tempo sae Falconi a portería dende o primeiro minuto, o principio dun gran partido para a porteira que, a pesar da diferenza de goles no resultado, salvou moitos máis balóns que poderían entrar entre os paus do equipo local. No minuto 22 saca un balón coa perna nun paradón espectacular a un disparo de Patricia dende o bordo da área. Un minuto despois o Leganés recorta distancias poñendo en apertos ao Burela cun gol de Ana Sanz que a mete tras unha recuperación. A mesma Ana Sanz salvará outra clarísima oportunidade de Patricia que a lanza por riba de Falconi salvando coa cabeza moi preto da liña de meta a autora do único gol do conxunto madrileño. Moitas oportunidades claras para as Supercampioas nos próximos minutos, no 25 outro pau de Dany que dispara tras unha recuperación e Patricia lanzaa por riba do traveseiro no rexeite. No 26 outro trallazo de Dany tras unha fermosa acción coral con Antía Pérez e Patricia, vaise fóra rozando o segundo pau. E chega o 1-3 cun gol de Antía Pérez tras unha boa xogada colectiva. No 30 de novo roza o pau un lanzamento de Cris Blanco e un minuto despois chega a quinta falta do Burela, cunha boísima actuación de Ana Eliza, que sae na metade da segunda parte, parando os dous lanzamentos do dobre penalti a consecuencia da sexta falta, o primeiro saíndo da portería e o segundo quedándose baixo os paus e sacándoa coas mans nun paradón espectacular. Continúa presionando o Burela e no minuto 36 chega o 1-4 cun gol de Patricia nun lanzamento longo e raso ao segundo pau tras un pase de Dany. A segundos do asubío final, de novo Dany cóaa dende o segundo pau nunha xogada ensaiada tras un saque de falta de Antía Pérez.

As mariñás volven de Madrid para prepararse para o próximo encontro, “O Encontro”, o clásico dos clásicos en Vista Alegre, Pescados Rubén Burela FS – Futsi Atlético Navalcarnero, que se disputará o vindeiro domingo día 3 de marzo á 13.00h e, do mesmo xeito que o desta xornada 20 ante o Leganés, será emitido por Teledeporte.

Ficha Técnica CD Leganés FSF 1-5 Pescados Rubén Burela FS

CD Leganés FSF (1): Moni; Ceci, Beita, Ana Sanz, Moni -cinco inicial-, Nerea, Úbeda, Candela, Chiesa, Rey, Alba, Falconi.

Pescados Rubén Burela FS (5): Caridad; Cilene, Cami, Rafinha, Patricia, – cinco inicial-, Dany (C), Antía Pérez, Cris Blanco, Aroa, Ana Eliza (P).

Goles: 0-1, min.15: Cris Blanco. 0-2, min.16: Dany. 1-2, min.23: Ana Sanz. 1-3, min.27: Antía Pérez. 1-4, min.36: Patricia. 1-5, min.40: Dany.

Árbitros: Bancu Georgiana Alina, Carlos Panadero Díaz-Concha, Marta Garvalena Crespo, David Sánchez Prados.

TA: Ana Sanz, Jorge Babio Carabaña.

Exit mobile version