Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada de manifestacións e tractoradas en Ribadeo, Lugo, Ourense, A Coruña, Compostela, Lalín, Ortigueira, Vimianzo, A Gudiña e Pedrafita

Entre as demandas: prezos xustos, racionalización da burocracia esixida ás granxas, cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

Compostela, 20 de Febreiro 2024. Dende as 12h de hoxe e até as 17h. o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e Unións Agrarias (UUAA) desenvolverán mobilizacións con presenza de tractores en Lugo, Ourense, Lalín, Compostela, A Coruña, Ortigueira, Vimianzo, A Gudiña, Ribadeo e Pedrafita

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, a gandeira de vacún de leite e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Vilalba, participouna tractorada convocada en Lalín.

Con estas tractoradas o agro galego demanda ás administracións públicas a nivel galego, estatal e europeo a activación urxente de medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a racionalización das cargas burocráticas ás explotacións, a paralización dos tratados de libre comercio, a potenciación dos circuítos curtos de comercialización e o cumprimento da Lei da Cadea, entre outras accións.

En tódolos puntos de mobilización procedeuse á lectura dun manifesto final [ADXUNTO] e fíxose entrega ás administracións públicas da seguinte táboa reivindicativa:

TÁBOA REIVINDICATIVA

1- Prezos xustos para os nosos produtos. Eliminación da especulación, e creación de índices de referencia dos custos de produción nos diferentes sectores, incluíndo unha remuneración digna do traballo das produtoras e dos produtores, e mecanismos para facer cumprir a lei da cadea alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas.

2- Rexeitamento dos tratados de libre comercio (Mercosur), que poñan en perigo as nosas producións, e priorizar as nosas producións fronte a terceiros países que comercializan coa UE.

3- Eliminar a burocratización que nos asfixia:

Caderno Dixital

Decreto de Ordenación de Explotacións Bovinas

Decreto de Fertilización Sostible de solos

4- Adaptación dos ecoesquemas e da PAC á realidade da agricultura e gandaría galegas, pagos en función das persoas activas e non pola superficie.

5- Importes suficientes para atender as solicitudes de produción en ecolóxico, así como a totalidade de expedientes de agroambiente e clima e as axudas de incorporación.

6- Recuperación de terra agrícola e a súa especial protección, e apoios ao sector fronte a novos retos como os cambios no clima, novas enfermidades ou o encarecemento dos insumos e combustibles. Maior apoio á investigación pública, que axude e acompañe ao sector na situación actual e de cara aos novos problemas que afectan ao sector, para unha maior sostenibilidade nas explotacións.

7- Fomentar o acceso da poboación aos alimentos apoiando os mercados locais e os circuítos curtos.

8- Mantemento da redución no prezo do gasóleo para o sector, así como as condicións do gasóleo agrícola profesional.

9- Remuneración dos danos de fauna salvaxe (xabarín, lobo…), e do lucro cesante e da totalidade das perdas ocasionadas, que deben ser minimizadas.

10- Creación da figura da persoa mediadora na negociación de contratos e posta en marcha de observatorios de prezos nos produtos agrogandeiros.

Exit mobile version