Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba entregar ao Concello de Cospeito o polígono industrial tras investir nas obras 1,3M€

O Goberno provincial asumiu o pasado mandato o proxecto do parque empresarial, que estaba en mans da extinta SUPLUSA, e na actualidade xa ten completados todos os traballos de urbanización que lle correspondía acometer

Lugo, 1 de marzo de 2024. A Xunta de Goberno aprobou este venres o último paso administrativo para que a Deputación de Lugo poida entregar ao Concello de Cospeito o polígono industrial que construíu a institución provincial cun investimento de 1,3 millóns de euros.

Así o anunciou este venres a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen lembrou que foi “este Goberno provincial o que no ano 2020 asumiu o proxecto de construción do polígono industrial de Cospeito, que estaba en mans da extinta SUPLUSA”, e a día da hoxe “a Deputación xa ten completados todos os traballos de urbanización que lle correspondía acometer”. As obras consistiron no movemento de terras, instalación das redes de saneamento, pluviais, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións, gas, centro de transformación e sinalización do complexo.

Desta forma, a institución cumpriu con todas as obrigas que lle atribúe o convenio de colaboración firmado en xuño de 2005 entre a propia entidade provincial, o Concello e a extinta SUPLUSA para a construción do polígono. Polo tanto, “a Deputación está en condicións de proceder á entrega do parque empresarial ao Concello, de poder iniciar o expediente para a venda das parcelas e de formalizar as reservas de solo existente”, explicou a Voceira socialista.

De feito, a Xunta de Goberno aprobou fixar como data para a sinatura da Acta de Recepción do polígono o vindeiro 8 de marzo. Ademais, acordou comunicar ao propio Concello que debe dar cumprimento ao disposto na cláusula cuarta do convenio de colaboración, que dispón “que lle corresponde á entidade local dotar ao complexo dos servizos necesarios de auga e alcantarillado, con capacidade suficiente para a demanda industrial”, os servizos que faltan para que a infraestrutura poida entrar en servizo, asegurou Pilar García Porto.

A Deputada valorou que “estamos ante unha boa nova para Cospeito e para o seu tecido empresarial, pois poderán contar cun polígono para consolidar ou ampliar as súas instalacións actuais, e tamén para atraer novas actividades empresariais”.

Hortos do Rato

A Xunta de Goberno celebrada este venres acordou ampliar por un período de dous anos as autorizacións de uso dos hortos urbanos do Rato a 21 usuarios e usuarias destes espazos aos que lles remataba a concesión. Actualmente, a Deputación ten “a pleno rendemento” este proxecto, destacou Pilar García Porto, pois están activas as 135 parcelas públicas que pon a disposición da cidadanía na contorna do río Rato de maneira totalmente gratuíta “co obxectivo de fomentar o lecer medioambiental, a agricultura ecolóxica e os hábitos de vida saudables”.

Granxa Gayoso Castro

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a licitación dun contrato por un importe de 135.000€ para a prestación de diferentes servizos veterinarios na Granxa Gayoso Castro. Trátase da contratación dun servizo de urxencias 24 horas; de podoloxía; de programas de prevención e tratamento de coxeiras e problemas podais; e dun servizo especializado en reprodución e mellora xenética para o desenvolvemento do control reprodutivo na Granxa. A duración do contrato é de un ano, coa posibilidade de realizar dúas prórrogas anuais máis, sen que se exceda os tres anos no seu conxunto.

Exit mobile version