Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta anuncia na Mariña a próxima apertura das axudas para fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais

Os apoios, que se tramitarán por orde de solicitude, contan cun orzamento de 2,4 M€ e cinco liñas para avanzar na mellora ambiental e laboral, así como para promover a certificación das empresas desta industria

Lourenzá, 5 de marzo de 2024. O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, avanzou esta mañá en Lourenzá que este venres comeza o prazo de solicitude para acceder ás axudas para fomentar a sustentabilidade no sector dos recursos naturais, nas que a Xunta investirá 2,4 M€.

Fernández Vila realizou este anuncio durante a visita que realizou ás canteiras Valiño, en Lourenzá, e Grande Mesada, en Mondoñedo, beneficiarias da última convocatoria destas axudas. En concreto, a primeira recibiu 87.900 euros para acometer un peche perimetral mediante paneis de chapa precalada que dotará de estanqueidade o conxunto da zona dedicada á trituración secundaria e terciaria da planta de tratamento de áridos. Mentres que a segunda accedeu a un apoio de 44.760 euros para realizar tamén un peche perimetral que outorgará estanqueidade á zona de clasificación da planta de tratamento de áridos.

Tal e como explicou o director xeral, nesta convocatoria haberá cinco liñas destinadas a empresas privadas do sector mineiro, incluído o subsector da auga mineral natural e o de actividades relacionadas co sector mineiro como é a de elaboración de rocha ornamental, así como as que se dediquen á explotación de balnearios e que realicen a súa actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia.

Unha das liñas apoiará os investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico das zonas onde se desenvolve a actividade mineira e, en especial, mediante a redución de emisións de po e ruído. Outras dúas liñas impulsarán investimentos para mellorar as condicións das persoas traballadoras, en especial na redución da exposición ao po e o ruído: unha dirixirase ao sector mineiro en xeral e inclúe, investimentos tamén en redución das vibracións e medidas de seguridade, hixiene industrial e ergonomía; e a outra ao da rocha ornamental. A intensidade da axuda será como máximo do 60% para as pequenas empresas, 50% para medianas e 40% para grandes, cun máximo de 100.000 euros na primeira e segunda liña, e 50.000 para a terceira.

Por outra banda, outorgaranse axudas para mellorar a conservación e xestión sustentable dos acuíferos ou captacións dos aproveitamentos de augas minerais, termais e de manancial. Apoiaranse investimentos que incrementen a protección do recurso hídrico, especialmente as que poidan previr afeccións e a contaminación das contornas de captación. Neste caso a axuda máxima será de 50.000 euros.

Por último, apoiaranse os procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 Sistema de Xestión mineira sustentable e UNE 22470: 2019 Sistema de Xestión mineiro, mineirometalúrxica e metalúrxica sustentable, que acreditan a implantación dun sistema de xestión mineira sostible nas empresas deste sector. A axuda máxima será de 3.000 euros.

A convocatoria, que se tramitará por orde de solicitude, estará aberta ata o vindeiro 8 de abril ou ata o esgotamento do crédito.

Exit mobile version