Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta autoriza a licitación da 1ª fase de mellora da capacidade e da seguridade da LU-540, entre Viveiro e Cabreiros, que suporá un investimento de máis de 8,2 M€

O acondicionamento desta vía autonómica terá unha segunda fase entre os concellos de Muras e de Xermade, acadando un investimento global de 15 M€

Compostela, 14 de marzo, 2024. O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto e prace á contratación das obras da 1ª fase de mellora da capacidade e da seguridade da estrada LU-540 entre Viveiro e Cabreiros, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 5+000 e 20+090, ao paso polos municipios de Viveiro e de Ourol.

A actuación, cuxa licitación autorizou hoxe o Goberno galego, suporá un investimento de máis de 8,2 M€, nos que se inclúe o pagamento dos 146 predios precisos para o acondicionamento dos case 15 quilómetros deste treito da vía autonómica.

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé iniciar este mesmo mes a contratación das obras por importe de 7,8 M€. Avanzará en paralelo co procedementos de expropiacións co obxectivo de comezar a finais deste verán a execución dos traballos, que contan cun prazo de execución de 24 meses.

A autorización hoxe da licitación das obras correspóndese coa primeira fase do proxecto de aumento da capacidade da LU-540 en sentido Viveiro-Lugo.
Neste momento, o treito interurbano da estrada LU-540, a partir do punto quilométrico 5, unha vez pasado Landrove, presenta unha alta porcentaxe de prohibición de adiantamento, dun 73% en sentido Lugo e dun 83% en sentido Viveiro, e ten curvas de radio reducido.

As obras reducirán o tempo de viaxe e aumentarán a seguridade no traxecto entre Viveiro e Lugo con carrís de adiantamento, rectificación de curvas, reforma de interseccións e renovación do firme de todo o treito. Esta intervención fará posible que en todo o traxado se permita circular a 90 km/h.

A intervención máis intensa realizarase no treito inicial da vía, entre os quilómetros 5 e 8, cun acondicionamento integral da vía que incluirá a ampliación da calzada, a dotación de terceiro carril e a rectificación das curvas, pasando dun radio mínimo de 70 metros a un de 120 metros.

Ademais, incluirase un cambio de sentido na marxe esquerda do punto quilométrico 6+000 e repoñeranse os camiños de servizo afectados.

Arredor do punto 10+300, acometerase a mellora da intersección, en ambas as marxes, pasando de estar enfrontadas a aumentar a distancia entre elas, para habilitar carrís centrais para as dúas.

Na contorna do punto quilométrico 14+000, disporase un carril adicional de adiantamento e mellorarase a intersección que dá acceso ao núcleo de Ourol.

Ademais, aumentarase a capacidade da vía en sentido Viveiro-Lugo, á altura do punto quilométrico 16+000, coa implantación dun carril para vehículos rápidos, e mellorarase a seguridade viaria na intersección do quilómetro 15+750, incluíndose a reposición de camiños.

Esta intervención completarase co reforzo do firme, que implicará o fresado nas zonas máis danadas e a reposición da capa de rodaxe nos preto de 15 quilómetros da actuación.

A contratación desta obra supón o inicio da mellora da capacidade e da seguridade desta vía autonómica, que se desenvolverá en dúas fases, tras terse aprobado no Consello da Xunta do pasado 25 de xaneiro o proxecto de trazado na LU-540, entre Viveiro e Cabreiros, que suporá un orzamento global de 15 M€.

No que se refire á segunda fase do proxecto, os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 20+090 e o 39+520, nos concellos de Muras e de Xermade.
Neste treito, as actuacións centraranse no aumento da capacidade da vía nalgúns tramos en rampla, mediante a incorporación dun carril adicional para vehículos rápidos, reducindo a distancia entre os treitos de adiantamento contiguos.

O Goberno galego en funcións segue a avanzar nos obxectivos da actuación de reforzar a competitividade territorial das comarcas da Mariña e da Terra Chá, mellorar a seguridade viaria dos condutores e ofrecerlles aos veciños desprazamentos máis cómodos e eficientes.

Exit mobile version