Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta incorpora ao catálogo galego de árbores senlleiras unha formación de alciprestes, no Concello de Ribadeo

A directora xeral de Patrimonio Natural visitou esta formación senlleira localizada no Centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias

Ribadeo, 8 de marzo de 2024. A Xunta acaba de decidir a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras un conxunto de alciprestes do Centro de formación e experimentación agroforestal Pedro Murias de Ribadeo, tal e como avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen indicou que o vindeiro luns se publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se sumará oficialmente a este inventario a devandita formación.

Do Campo explicou que o Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, este inventario de carácter administrativo foi obxecto de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a incorporación de exemplares con valores salientables.

Neste sentido, no catálogo son susceptibles de incluírse todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial protección.

No caso concreto da formación de alciprestes (Cupressus macrocarpa) que visitou hoxe, a directora xeral explicou que para considerala senlleira se tiveron en conta tanto as súas características de idade como a súa significación histórica e cultural. Máis polo miúdo, detallou que está composta por 24 exemplares, dos que 14 teñen unha idade estimada duns 100 anos e unha altura de máis de 20 metros. A maiores, cómpre salientar o seu valor simbólico ao localizarse ao carón dun edificio de gran valor cultural como é o CFEA Pedro Murias, exemplo de arquitectura indiana.

Cando o próximo luns se faga efectiva esta última incorporacións, o Catálogo galego de árbores senlleiras sumará xa un total de 193 elementos (151 exemplares e 42 formacións arbóreas) pertencentes a 84 especies diferentes.

Exit mobile version