Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo presenta un ano mais a súa bolsa de emprego

Ribadeo, 15 de marzo de 2024. Acisa Ribadeo presenta un ano mais a súa bolsa de emprego. Trátase dun servizo que ofrece ás súas asociadas e asociados de cara á tempada de Semana Santa e de verán.

A presidenta de Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Carmen Cruzado, explicou que “dende Acisa Ribadeo somos plenamente conscientes de que cada vez é mais complicado encontrar persoal cualificado para dar cobertura ás múltiples demandas de emprego tanto de hostalaría, de comercio como de servizos. As causas poden ser moitas, pero o que sabemos obxectivamente é que os nosos negocios necesitan persoal de cara a esta Semana Santa, pero especialmente para o verán e moitos deles están xa na busca activa de camareiros, cociñeiras, axudantes de cociña, dependentas, recepcionistas, gobernantas ou limpadoras, entre outras e outros”.

Pola súa banda, o xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “por sorte a tempada turística cada vez comeza antes, estamos ás portas da Semana Santa, coa que contamos dar o pistoletazo de saída á nova campaña turística, e na que esperamos unha gran afluencia de visitantes. En pouco mais dun mes temos a ponte do 1 de maio e as Letras Galegas, e a partir de aí enlazamos todas as fins de semana con diversos torneos e eventos, que atraerán a miles de persoas a Ribadeo. Por iso urxe ir cubrindo estas vacantes para que poidamos ofrecer dende os nosos negocios o mellor servizo posible. Esta bolsa de emprego cremos que pode ser un servizo moi importante e útil para as asociadas e asociados de Acisa Ribadeo, tanto para as nosas empresas como para as persoas que se atopan na busca activa de emprego”.

Pérez Prada dixo que “deste xeito Acisa pon a disposición un ano mais o seu programa de emprego, cunha canle bidireccional. En primeiro lugar, recordámoslles aos nosos socios e socias que poden enviarnos as ofertas de emprego si necesitan cubrir vacantes e nos publicámolas nas nosas redes sociais e enviámoslles os currículos que teñamos na nosa base de datos. E en segundo lugar, a novidade deste ano é que toda aquela persoa que estea buscando traballo en calquera posto relacionado coas empresas asociadas a Acisa Ribadeo pode enviarnos o seu currículo ao seguinte correo electrónico info@acisaribadeo.es indicando qué empregos son do seu interese e nos terémolos na nosa base de datos e así cando chegue unha oferta laboral, poderemos enviar todos os currículos susceptibles de cubrir ese posto de traballo ás empresas asociadas a Acisa Ribadeo”.

Cruzado Iglesias engadiu que “este servizo ven dando un bo resultado sempre. A bolsa de emprego de Acisa Ribadeo é moi útil. Así nolo trasladan tanto empresarios como potenciais traballadores ao longo do ano. Sabemos que nacen moitos contratos tanto no comercio, na hostalería como nos servizos asociados. En Ribadeo hai traballo en moitos sectores: en bares, en restaurantes, en hoteis, en comercios, en empresas de servizos e tamén en moitas industrias. De aí que animemos aos demandantes de emprego e ás empresas asociadas a sumarse á bolsa de emprego de Acisa”.

Exit mobile version