Site icon Crónica3.com A Mariña

Boa acollida da xeoruta ‘Camiñando entre volcáns’, que tivo lugar o pasado sábado polo Vicedo

A Mariña, 26 de marzo de 2024. O pasado sábado, 23 de marzo, tivo lugar a ruta Camiñando entre volcáns, polo Vicedo, no marco do programa de Xeoturismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña do Plan de Sostibilidade Turística que confinancia a Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

Partindo da cruz que lembra ás vítimas do naufraxio do veleiro Drácula, os participantes visitaron os distintos tipos de rocha que afloran na contorna da praia de Area Grande (San Román). Tras estudar as cuarcitas e lousas que daban paso ó singular gneis Ollo de Sapo puideron coñecer o asentamento vikingo dos Moutillós para a continuación seguir cara ó oeste pola ruta dos miradoiros.

A participación do guía local Boris Vilar permitiulles enriquecer as explicacións do xeólogo Iván Rodríguez con interesantes achegas sobre a fauna silvestre, plantas autóctonas e historia local. Tras os sete quilómetros de roteiro chegaron á praia de Xilloi, onde rematou a ruta coa visita ás variedades máis espectaculares do gneis glandular nomeado Ollo de Sapo, restos da antiga cadea de volcáns explosivos, que atravesaría a península ate Guadalajara hai 500 millóns de anos.

As persoas que gozaron desta nova actividade, organizada pola Mancomunidade e que colgou o cartel de completo, procedían de Valladolid, Vilalba, Miño e varias localidades da Mariña.

Nova xornada de formación

O vindeiro 24 de abril terá lugar a Xornada de Formación en Xeoturismo para anfitrións e xestores de turismo, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística.

Esta xornada de formación estaba prevista para o pasado 13 de marzo, pero quedou posposta para o vindeiro 24 de abril co obxectivo de que máis xente interesada poida participar na mesma. Desenvolverase no salón de conferencias, en Burela, en horario de 10 a 14 horas e de 15 a 19 horas.

Esta acción enmarcarse dentro do Plan de Sostibilidade Turística da Mariña – cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo – sendo o xeoturismo ou turismo xeolóxico unha das áreas estratéxicas a desenvolver no contexto deste plan para a diversificación, redistribución e desestacionalización da actividade turística.

As persoas interesadas en asistir poden inscribirse en: https://forms.gle/KSPKRjpTQ1Ur7zGAA ou contactar por mail con amarinageoturismo@gmail.com e o teléfono 644 00 97 22.

Exit mobile version