Site icon Crónica3.com A Mariña

Cajoto: “O PP de Castiñeira volve ao insulto para ocultar a traizón á Mariña sobre Altri”

Foz, 28 de marzo de 2024. O alcalde de Foz e deputado provincial, Fran Cajoto, di que “o Partido Popular de Castiñeira volve ao insulto para ocultar a traizón á Mariña sobre a planta de Altri”.

“De novo recibo insultos do señor Castiñeira: agora defíneme como marioneta e como camaleón. Unha nova páxina máis da política de Ayuso, nada novo”, afirma Fran Cajoto sobre as últimas declaracións verquidas á prensa polo popular Javier Castiñeira.

Cajoto engade: “resulta curioso que Castiñeira se acorde de Altri agora, que está fóra da institución provincial por decisión do seu partido. Non defendeu unha fábrica de fibras téxtiles para a Mariña cando era voceiro na Deputación, quedou calado cando ata en tres ocasións solicitamos desde a Mancomunidade reunións á Xunta”.

O alcalde de Foz acusa aos populares de ocultar o proxecto real diante da opinión pública: “creo sinceramente que non quixeron reunirse con nós porque están ocultando o proxecto real. Pasaron de 2.500 traballadores a 400 postos de traballo, dunha planta de fibras téxtiles a unha baseada principalmente na celulosa. Dous anos -a última reunión solicitada desde a Mancomunidade foi en marzo de 2022- é tempo máis que suficiente para que o presidente da Xunta, o conselleiro ou cando menos o director xeral do Consorcio Impulsa Galicia se reúnan coa Mancomunidade da Mariña. É evidente o pouco que importa esta comarca en Santiago”.

Despois da aprobación no Parlamento Galego por unanimidade en febreiro do ano 2022 da instalación da planta de fibras téxtiles, a Fran Cajoto resúltalle curioso que o Partido Popular volva presentar unha batería de mocións sobre o asunto: “algo que xa está aprobado non se volve a traer a debate. O que me resulta de todo inaceptable é que na moción do Partido Popular se fale de 2.500 postos de traballo cando Altri está a recoñecer que se van a crear do entorno dos 400. Non se pode enganar á poboación, eu non vou votar a favor dun engano. Espero tamén que o interese do PP de alonxar a planta de fibras da Mariña e de darlle un xiro de 180 graos non teña nada que ver con que Greenalia -da que forman parte  exconselleiros como Beatriz Mato- controla desde o ano pasado o 25% do proxecto de Palas de Rei ”.

Exit mobile version