Site icon Crónica3.com A Mariña

Contundente vitoria en Vista Alegre (4-0)

Partido claramente dominado polo conxunto local no que Pitero e Rikelme volveron, de momento ao banquillo, cos seus compañeiros

Burela, 9 de marzo, 2024. Esta tarde ás 18.45h no pavillón municipal Vista Alegre de Burela, xogábase a 23ª xornada de Segunda División de Futsal, Pescados Rubén Burela FS – Inagroup El Ejido, cun resultado final 4-0. Un encontro dominado practicamente de principio a fin polo conxunto mariñán, con dobrete dun moi destacado Ismael.

Comeza o xogo e xa no minuto 3 Isma pode adiantar o marcador cun disparo que desvía Jesús coas mans a córner e no 6 Michal salva o primeiro gol en contra, parando co pé un trallazo de Ión Cerviño. Chega o 1-0 no minuto 10 co primeiro golazo de Ismael tras unha recuperación a media pista. No minuto 16 dobre oportunidade para o Burela que non consegue finalizar con éxito Alberto e segundos despois chega o 2-0 e segundo golazo de Ismael cunha preciosa vaselina que non logra deter Jesús. Chega o descanso cunha poderosa vantaxe para os burelenses.

No segundo tempo, un sempre entregado Isma case a mete pola escuadra nun lanzamento cruzado xa no minuto 21 e no 23 un disparo de Malaguti desde case o bordo da área sae a córner tras un paradón de Jesús coa cara que o deixa indisposto durante uns segundos. No 24 volve sacala Jesús a córner, esta vez coa man, tras un disparo de Charly. Continúa o claro dominio do Pescados Rubén, aínda que nos minutos 31-32 o conxunto visitante comeza a presionar. No minuto 32 o noso muro polaco volve salvar unha falta moi perigosa co pé. No minuto 34, José Escrich opta polo xogo de 5 con David Señoret como porteiro-xogador, o que lle custará os dous goles máis ante unha defensa impenetrable. Na primeira xogada de presión con 5 para 4 do equipo ejidense Quelle logra o 3-0 cun disparo longo a portería baleira. No minuto 36 un bonito remate de Charly directo á escuadra é desviado a córner de novo por Jesús e no 38 chega o 4-0 cun bonito gol de Malaguti dentro da área tras unha recuperación. Continúa presionando con porteiro-xogador o Ejido non conseguindo puntuar finalmente en todo o encontro.

A próxima fin de semana ás 19.00h os nosos Pícaros enfrontaranse ao segundo clasificado e durísimo rival, o Sala 10 Zaragoza, en territorio hostil. Un dos partidos máis difíciles da tempada que privará de 3 puntos a un dos dous equipos, nos postos altos da clasificación, podendo manterse aínda o Burela no terceiro posto tras a vantaxe conseguida nesta xornada despois da derrota do Ceutí ante o Martorell.

Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 4-0 Inagroup El Ejido

Pescados Rubén Burela FS (4): M.Kaluza, Lucho (C), Quelle, Isma, Malaguti – quinteto inicial-, Pitero, Rikelme, Alberto, Flethes, Álex García, Charly, Ismael, Mika. Entrenador: David Rial

Inagroup El Ejido (0): Jesús; Josete, Peña, David Señoret, Beto -quinteto inicial-, Juanan, Amin, Ion Cervio, Mendive, Juan Carlos, Evaristo, Jaime. Entrenador: José Escrich.

Goles: 1-0, min.10: Ismael. 2-0, min.16: Ismael. 3-0, min.34: Quelle. 4-0, min.38: Malaguti.

Árbitros: Francisco Javier Marazuela Hernando, Sergio Toral Heredia, Adrián Figueroa Veiga, Berta García Vázquez.

TA: Flethes, Tulio García, David Rial, Isma, Álex García, José Escrich, Juanan, Amin, Beto.

Exit mobile version