Site icon Crónica3.com A Mariña

Dura derrota en Zaragoza (4-0)

Os aragoneses foron mellores diante dun conxunto mariñao que non se atopou cómodo en case ningún momento e no que volveron ás pistas Rikelme e Pitero

Burela, 16 de marzo, 2024. O conxunto masculino do Pescados Rubén Burela pechou no pavillón Siglo XXI de Zaragoza unha fantástica xeira de oito xornadas consecutivas sen perder diante dun Wanapix Sala 10 que foi superior aos mariñaos e que levou o triunfo con autoridade (4-0).

Os maños demostraron desde o primeiro minuto a razón pola que son o mellor equipo deste 2024 e asediaron durante o comezo do partido a porta de Kaluza. Despois duns par avisos nos que o meta internacional polaco tivo que empregarse a fondo, non puido evitar o gol no minuto 3 logo dunha xogada de estratexia local. O lanzamento desde fóra da área de Alberto Inés coábase na portería laranxa e os locais poñíanse por diante.

Os aragoneses non baixaron a súa presión sobre o marco rival e un minuto despois era Óscar Villanueva o que remataba ao pau. Pese ao dominio do cadro de Zaragoza, o cordobés Ismael tivo o empate nun remate de cabeza tras un envío en longo coa man de Kaluza. A resposta local foi inmediata e de novo Óscar Villanueva puido anotar o segundo nunha fenomenal chilena que se foi por pouco. O traballo acumulábaselle a Kaluza e o polaco respondía mantendo ao seu equipo no partido, ata que no minuto 14 chegaba o 2-0. Un omnipresente Óscar Villanueva remataba só no segundo pau un bo envío de Rivera.

Logo do segundo tanto local, puido recortar distancias Isma tras roubarlle a carteira a un rival e plantarse ante Iván Bernad. O remate final do fonsagradino non atopou o camiño das mallas. Diante do dominio local, David Rial apostou por Ismael como porteiro-xogador xa a tres minutos do descanso, pero só lograron incomodar ao equipo local cun lanzamento desde fóra da área de Malaguti.

Tralo paso polos vestiarios, Adri Ortego, Óscar Villanueva e Rivera dispuxeron de boas ocasións para facer o terceiro do Wanapix Sala 10 Zaragoza e só a partir do minuto 24 foi capaz o Pescados Rubén Burela de sacarse o dominio local de enriba e dispoñer dalgunha boa ocasión. Tívoa Quelle no minuto 24, pero o seu remate sacábao con moitos apuros Iván Bernad. Posteriormente era Ismael o que probaba sorte cun lanzamento que se ía rozando o pau logo de tocar o balón minimamente un futbolista local. O cadro laranxa dominaba por primeira vez o partido diante dun Wanapix Sala 10 Zaragoza que se defendía con orde.

Con todo, no mellor momento dos visitantes, chegaba un xarro de auga fría en forma de gol do local Mateo Flores. O arxentino sorprendía a Kaluza cun disparo ao primeiro pau e cortaba de forma brusca a reacción dos mariñaos. Con máis de 9 minutos por disputarse aínda, David Rial volvía apostar por Ismael como porteiro-xogador, poñendo despois a camiseta de gardameta o capitán Lucho. Malaguti, tras un bo xiro, remataba ao pau no minuto 33 e Isma tiña a última para os burelistas nun balón que quedara morto na área maña, pero o seu golpeo saía demasiado elevado.

Rivera, desde campo propio e aproveitando a desgornecida portería laranxa, redondeaba a conta para os da capital aragonesa, que estiran a súa grande xeira a nove vitorias consecutivas e colócanse a só dous puntos do líder, un UMA Antequera que empataba hoxe na cancha do Leganés. Os burelenses, pola súa banda, continúan terceiros, pero volven ter a tan só 3 puntos por detrás ao Unión África Ceutí e ao Full Enerxía Colo Colo Zaragoza, aínda que os mariñaos contan co goal average particular a favor diante destes dous equipos.

A mellor noticia do partido para a escuadra dirixida por David Rial foi o regreso de Rikelme e Pitero á competición oficial despois de 291 días. Os dous futbolistas lesionáranse o pasado 30 de maio precisamente diante do rival de hoxe no terceiro encontro da semifinal do play off polo ascenso da pasada campaña, que se disputaba no pavillón de Vista Alegre.

Ficha Técnica Wanapix Sala 10 Zaragoza 4-0 Pescados Rubén Burela FS

Wanapix Sala 10 Zaragoza (4): Iván Bernad; Alberto Inés, Rivera, Tomás Pescio, Richi Felipe -quinteto inicial-, Adri Orteo, Óscar Villanueva, Pablo Ibarra, Mateo Flores, Miguel Lahoz, Óscar Andreu e Pedro.

Pescados Rubén Burela FS (0): Kaluza; Lucho, Quelle, Isma, Malaguti -quinteto inicial-, Ismael, Alberto, Charly, Álex García, Rikelme e Pitero.

Goles: 1-0, min. 3: Alberto Inés. 2-0, min. 14: Óscar Villanueva. 3-0, min. 29: Mateo Flores. 4-0, min. 38: Rivera.

Árbitros: Cristian Cubero e Diego Sarasúa (Colexio Madrileño). Amoestaron ao burelista Ismael.

Incidencias: Encontro da 24ª xornada do campionato de Segunda División Fútbol Sala disputado no pavillón Siglo XXI de Zaragoza diante dun milleiro de espectadores.

Exit mobile version