O rexedor contou que “hoxe inauguramos a rúa do Pipelo, o aparcadoiro, creo que é unha mellora moi importante no entorno do casco vello e imos dando pasos importantes na súa conservación. Creo que se fixo un bo traballo, unha obra que quedou xestionada polo anterior goberno, o cal tamén agradecemos, e nosoutros o que fixemos foi avanzar na obra e mellorala en certas cuestións como nas entradas a esa zona. Era moi importante que estiveran con formigón para contar cunha mellor accesibilidade, tamén o muro da escola infantil, que estaba moi deteriorado. Puxémonos de acordo Xunta e Concello para que se conservara, primeiro con esa rehabilitación profunda que se lle fixo”.
Vega relatou que “tamén humanizamos o entorno do aparcadoiro con árbores preto dese muro, para que sexa acolledor e renovar o pavimento da rúa do Pipelo. Era moi importante e fundamental investir para mellorar todo ese formigón mesturado con aglomerado, que era un completo desastre. E con este investimento o que fixemos foi melloralo”.
Para o alcalde ribadense “cando se determina que nunha rúa vai haber obras hai que coordinarse con todas as institucións, de cara aos correspondentes permisos, pero tamén cos distintos organismos. Si hai que soterrar o alumeado hai que aproveitar, pero neste caso o que fixemos foi obras no abastecemento de auga e no saneamento para non ter que abrir a rúa dentro duns meses ou duns anos. Agora quedou todo correctamente preparado e isto ten unha inversión moi importante. Son 180.000 euros.
Foi unha xestión importante, que a Deputación avalou e investiu, o que lle quero agradecer porque neste traballo da xestión ten que haber dúas partes e que funcionen. O Concello sempre ten que pedir ás administracións superiores, que son a Deputación e a Xunta, e elas teñen que corresponder e neste caso a Deputación de Lugo correspondeu, o que quero agradecerlle a toda institución e especialmente ao deputado que se achegou a esta inauguración, a Dani García”.
Dani Vega engadiu: “seguimos traballando e mellorando todo o casco vello. E isto é un paso importantísimo, primeiro investir e despois conservar todos os entornos do noso pobo, do noso Ribadeo. Isto é o que hai que facer, seguiremos xestionando e traballando para mellorar o noso pobo que é Ribadeo”.
Investimento de 183.000 euros da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación
O deputado Daniel García visitou esta mañá a rúa, que foi inaugurada oficialmente despois das obras realizadas na rúa e na súa contorna, cun investimento de 183.000 euros da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A intervención, financiada integramente pola área provincial e iniciada e adxudicada polo anterior goberno municipal, supuxo a renovación completa do firme da rúa, na que se instalou mobiliario urbano e árbores ornamentais e levouse a cabo unha ampliación e acondicionamento dunha zona de aparcadoiro a carón da vía, situada entre o escola infantil e o centro de día
Daniel García, que estivo acompañado polo alcalde Ribadeo Daniel Vega e polos concelleiros do BNG Pablo Vizoso e Vicente Castro, puxo en valor o investimento realizado nesta actuación, que “proporciona novas prazas de aparcamento e un espazo renovado e humanizado no centro histórico de Ribadeo, e que se suma a outras actuacións que se levaron a cabo nos últimos anos en Ribadeo con financiamento da Vicepresidencia Deputación de Lugo, como a pista multideportiva ou o carril bici entre o centro urbano e o faro de Illa Pancha, mellorando espazos públicos e proporcionando á veciñanza zonas de lecer ao aire libre”