Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama á Xunta e ao Estado o financiamento íntegro do SAF ás persoas dependentes

Lugo, 23 de marzo de 2024. O BNG levará ao vindeiro pleno provincial -26 de marzo- unha iniciativa para solicitar a Xunta de Galiza e ao goberno do Estado o financiamento íntegro do Servizo de Axuda no Fogar ás persoas dependentes.

A proposta traslada as dificultades que teñen os concellos para afrontar os custes e a xestión deste servizo recollido na Lei de Dependencia de 2006, que contemplaba un financiamento a partes iguais entre as administracións autonómica e estatal que non se está a cumprir.

A deputada Iria Castro explica que “urxe revisar o financiamento deste servizo fundamental para as persoas dependentes e para as súas familias, para garantir o seu funcionamento sen poñer ao límite as contas dos concellos” que, lembrou, ademais teñen que facerse cargo dos Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia, atendendo as persoas que están agardando polo recoñecemento da dependencia.

A deputada nacionalista sostén que “se trata dunha problemática que afecta a todos os concellos, especialmente aos concellos con maior ratio de poboación maior e máis dispersión, onde o servizo ten máis demanda e a súa prestación supón un maior custo” polo que agarda “lograr un acordo de todos os grupos a favor dun servizo básico para que as persoas dependentes poidan permanecer nas súas casas, coa atención adecuada”.

A proposta tamén contempla solicitar á Xunta de Galiza a creación da comisión mixta Xunta-FEGAMP para avaliar as condicións nas que se está prestando o servizo na actualidade e e adoptar as medidas necesarias para estandarizalo.

Exit mobile version