Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro proxecta un innovador proxecto turístico de experiencias en 3D e realidade aumentada no casco histórico

“A nova subvención dará continuidade a APP que presentamos hai meses para a recreación en realidade aumentada da porta de Carlos V, estendendo a iniciativa a outros monumentos”, explica a alcaldesa, María Loureiro

Viveiro, 16 de marzo de 2024. O Concello de Viveiro conseguiu fondos europeos para un innovador proxecto turístico de experiencias en 3D e realidade aumentada no casco histórico, ‘Viveiro Medieval’.

O concello recibiu esta semana a notificación da Xunta de Galicia da concesión desta subvención para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

“Teremos un novo servizo turístico para a posta en valor dos nosos recursos culturais, patrimoniais, históricos e etnográficos mediante a implantación de rutas e experiencias 3D e de realidade aumentada, permitindo ofrecer aos veciños e visitantes unha experiencia inmersiva de última xeración”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

O Concello de Viveiro xa presentou o pasado mes de decembro unha aplicación turística que incluía a recreación en realidade aumentada da porta de Carlos V. Con esta nova subvención de 15.000 euros, o proxecto ‘Viveiro Medieval’ entra nunha nova fase.

As novas experiencias estarán baseadas na adaptación á realidade aumentada da Igrexa de Santa María do Campo; a Porta da Vila; a Porta do Valado; a Porta de Santa Ana; a Porta de San Antonio, e a Porta das Angustias.

O proxecto inclúe un portal web con realidade aumentada e xeoposicionamento, ademais dunha APP para móbiles.

“Trátase de empregar as novas tecnoloxías para revolucionar e impulsar o turismo e a divulgación do patrimonio local, complementando os recursos turísticos tradicionais para dar o paso ás novas tecnoloxías, que aproveitan as capacidades multimedia dos dispositivos móbiles”, engade Loureiro.

“Desde o Concello de Viveiro lanzamos este proxecto turístico e tecnolóxico co obxetivo de complementar o sector turístico da vila, buscando un turismo sostible e podendo amosar novos recursos turísticos”, remata a alcaldesa de Viveiro.

Exit mobile version