Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP afirma que o Concello do Valadouro renuncia a unha subvención da Xunta de 50.000€ para mellorar o pavillón municipal

Os populares condenan “esta forma pouco seria de xestionar o que é de todos” por parte do goberno local e, concretamente, o concelleiro de deportes por renunciar despois de ter concedida a axuda

O Valadouro, 22 de marzo de 2024. O goberno local do Valadouro rexeita unha subvención de 50.000 euros da Xunta para arranxar o interior do pavillón municipal e dende o PP “non entendemos esta decisión e, concretamente, o concelleiro de deportes, do BNG, por renunciar despois de ter concedida a axuda e publicada no DOG”.

O voceiro popular, José Manuel Lamela, considera que se trata “dunha forma pouco seria de xestionar o que é de todos” porque “esta axuda poderíase ter aproveitado para mellorar o pavimento das distintas zonas, as gradas ou outros espazos no pavillón que é empregado en horario escolar polo alumnado do CEIP Plurilingüe Santa María do Valadouro”.

A axuda concedida pola Xunta ao Concello do Valadouro como recolle a resolución da convocatoria de axudas en réxime competitivo para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, na liña 1, era dun total de 50.000 sobre o total de 74.850 euros ao que ascendía o proxecto.

Exit mobile version