Site icon Crónica3.com A Mariña

Segue pechada a Praia das Catedrais

Ribadeo, 28 de marzo de 2024. A praia das Catedrais está pechada este Xoves Santo por mor do temporal de vento en terra e no mar que se está a rexistrar na zona, como consecuencia do paso da borrasca Nelson.

O alcalde, Dani Vega, declarou que “decidimos pechar o acceso a este areal como medida de precaución debido ao forte temporal no mar e en terra que se está a deixar sentir en Ribadeo ao longo de toda a mañá”.

O rexedor dixo que “ese temporal é forte e preferimos previr co fin de evitar posibles incidencias ou accidentes. Pedimos disculpas polas molestias que se poidan ocasionar ás persoas que hoxe nos están a visitar, pero no Concello estamos para velar pola súa seguridade e neste momento non se dan as mellores condicións para visitar As Catedrais”.

Concello, Xunta e axentes implicados decidiron manter pechado este venres o acceso á praia para garantir a seguridade dos milleiros de turistas que se achegan a este monumento natural.

O alcalde, Dani Vega, indicou que “estamos nun espazo natural, regulado polas mareas e pola climatoloxía. Neste caso estamos afectados por un importante temporal e non podemos arriscar. O primeiro son as persoas”. Mañá volveremos a analizar a situación e informaremos da decisión adoptada.

Exit mobile version