Ata a cidade herculina se desprazaron, entre outros axentes, hostaleiros e produtores da Mariña Lucense. Polo Fórum Gastronómico de Galicia pasaron Alejandro Balseiro, do restaurante Nito, que participou nunha das sesións de cociña no autidotiro principal; Javier Montero e Tita Iglesias, do restaurante Javier Montero, que formaron parte dunha mesa redonda sobre formatos de negocio; o xurado do Concurso de Pulpeiras contou entre os seus membros coa presenza de Mar Orosa, do resaturante El Oviedo; o restaurante Rías Altas finalista no Concurso de Empanadas, e a Merluza do Pincho de Celeiro, recibiu o Premio Picadillo na categoría do mar.
Ademais os diversos stands do Fórum contaron con produtos e produtores moi significativos da Mariña como a Faba de Lourenzá coa Cooperativa Terras da Mariña, o Porco Celta e a Cachena de Celtagal con Nando López, a mel mariñá da man de Javier Carreiras, de O Poder das Flores, ou o tostadeiro de café de especialidade co equipo de Urban Coffee Roasters.
A gastronomía da Mariña foi protagonista esta mañá na mesa redonda dedicada aos colectivos gastronómicos de Galicia. Foi moderada por Iñaki Gaztelumendi e contou coa participación de Mar Orosa, como portavoz do Colectivo de Gastronomía da Mariña, en proceso de creación e que xurde no contexto do Plan Director de Turismo Gastronómico da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística no que desde a Mancomunidade se segue a traballar.
A Mancomunidade estivo presente nesta xornada de martes no Fórum para arroupar e apoiar á presenza mariñá nesta importante cita gastronómica.