Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta sufraga con 340.000€ a contratación de 21 persoas desempregadas nos concellos da Mariña

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a notificar a resolución da orde Aprol Rural, que busca dinamizar o emprego de proximidade e mellorar as oportunidades dos traballadores desocupados

Lugo, 24 de abril de 2024. A Xunta de Galicia destina 340.000 euros a financiar a contratación de 21 traballadores desempregados nos concellos da Mariña, que realizarán tarefas principalmente relacionadas coa prevención de incendios.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración xa notificou a resolución do programa Aprol Rural aos municipios beneficiarios na provincia de Lugo, que son practicamente todos excepto a capital; con carácter xeral outorgáronse achegas para financiar entre un e dous contratos en cada caso.

Todos os concellos da comarca mariñá sumarán persoal; en concreto, contratarán a dous traballadores máis en Mondoñedo, Xove, Cervo, O Vicedo, Lourenzá e Barreiros, e un máis en Ribadeo, Ourol, A Pontenova, Viveiro, O Valadouro, Foz, Trabada, Alfoz e Burela.

Este programa diríxese a que concellos rurais, ben de maneira individual ou conxunta, contraten persoas demandantes de emprego, de forma que dinamiza o emprego local e proporciona experiencia e práctica profesional aos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Os traballadores incorporados destinaranse á realización de tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias: planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa.

Con estas achegas, a Xunta reforza a colaboración coas entidades locais para financiar os custos salariais totais das persoas incorporadas.

O programa está a avogar pola creación de postos de traballo no ámbito local e contribúe ao aproveitamento das posibilidades que brinda o emprego de proximidade.

Exit mobile version