Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta vixiará de cerca que Alcoa cumpra o acordo asinado e ofrece o apoio da administración autonómica na busca dun comprador

Madrid, 4 de abril de 2024. A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, insistiu hoxe en que a Xunta vai vixiar de preto que Alcoa cumpra o acordo asinado e puxo á súa disposición os servizos do Instituto Económico de Galicia (Igape) e da Secretaría Xeral de Industria na busca dun eventual comprador.

Lorenzana participou hoxe na reunión do comité de seguimento de Alcoa, na que estiveron presentes, tamén, representantes do Goberno central, da empresa e dos sindicatos. Segundo dixo, tanto por parte da Xunta como do Executivo, o que se pediu foi “concreción” nos prazos, tendo en conta que, tal e como se expuxo na reunión, Alcoa conta con ter a mediados do mes de xuño, de darse o caso, ofertas vinculantes de compradores, avanzou.

A conselleira incidiu na importancia de garantir a “seriedade” e a “solvencia” das empresas con interese por adquirir a planta. E, nese sentido, apuntou que Xunta, Goberno central e Alcoa quedaron emprazadas a unha nova reunión a vindeira semana para ver as posibilidades de asinar un acordo de confidencialidade que dea amparo á comunicación entre a empresa e os dous gobernos, e que se comece a traballar no exame das ofertas.

Xunto con isto, volveu exixir a Alcoa que continúe traballando con normalidade, cumprindo o acordo e os investimentos comprometidos -nomeadamente o forno de ánodos-, que son imprescindibles para garantir a viabilidade e a competitividade da fábrica e, sobre todo, para que, se hai un novo comprador, colla a compañía nas mellores condicións posibles.

“A Xunta continuará apoiando o comité de empresa nestas reivindicacións e vixiante para que a empresa garanta ese mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo que son fundamentais para o futuro industrial da Mariña e de toda Galicia”, concluíu.

Exit mobile version