Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares aborda con representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación as principais demandas pendentes co sector pesqueiro

O titular de Mar pediu claridade ao Goberno central sobre a tramitación da zona catastrófica e as axudas aos profesionais afectados pola alta mortaldade de bivalvos causada polos extraordinarias precipitacións no outono

Barcelona, 24 de abril de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, no marco da celebración da feira internacional Seafood Expo Global en Barcelona, mantivo un encontro coa secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, e a directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Aurora de Blas na que abordou as principais demandas do sector pesqueiro galego pendentes de resposta por parte do Estado. O obxectivo foi coñecer de primeira man o nivel de tramitación que se está dando ás necesidades da cadea mar-industria así como insistir naquelas máis urxentes, cruciais para un sector estratéxico e prioritario para Galicia.

O titular de Mar pediu ás representantes do Goberno central claridade na tramitación da solicitude de declaración de zona catastrófica para os bancos marisqueiros afectados polos extraordinarias precipitacións de outono que causaron unha alta mortaldade nos bivalvos. Nesa liña indicou que se ben o Goberno galego puxo en marcha axudas extraordinarias para os profesionais en cese de actividade, o Executivo estatal segue sen materializar medidas de apoio para o sector marisqueiro como a exención das cotas á Seguridade Social ou achegas económicas que permitan paliar a merma de ingresos destes traballadores.

O responsable autonómico está seguindo con atención o procedemento de tramitación do Perte para a cadea-mar industria, aprobado recentemente despois de máis de dous anos de espera, dotado con só 40 millóns de euros, moi lonxe dos 400 millóns que pedía o sector. O conselleiro agarda poder abordar este asunto en vindeiros encontros xa que se trata dunha actividade económica estratéxica e prioritaria para Galicia que factura anualmente 9.000 millóns de euros polo que resulta esencial reforzar estas axudas con novas liñas acompañadas de partidas orzamentarias á altura do peso na economía da industria pesqueira.

Encontros bilaterais

O titular de Mar desenvolveu unha intensa axenda de contactos con encontros de traballo coa secretaria do Gabinete de Asuntos Rurais e Reforma Agraria do Goberno de Escocia, Mairi Gougeon e cunha delegación de Países Baixos encabezada polo conselleiro de Agricultura, Natureza e Calidade Alimentaria para España e Portugal da embaixada deste países en España, Machiel Kommers. En ambas reunións se estudaron posibles vías de colaboración entre as diferentes administracións no ámbito pesqueiro así como tecer alianzas para influír nas políticas pesqueiras comunitarias da nova Comisión Europea que saia das eleccións europeas do mes de xuño.

Gañou Galicia

Alfonso Villares manifestou desde a cidade condal a súa satisfacción pola sentenza do Tribunal Constitucional que avala a lei do Litoral de Galicia á vez que resaltou a importancia desta norma para o conxunto da cadea mar-industria xa que proporciona a necesaria seguridade xurídica para o desenvolvemento da súa actividade na costa. “Gañou Galicia fronte un recurso que ía encontra do noso sector pesqueiro e que, como quedou de manifesto, tiña moito de político e nada de xurídico” declarou, á vez que resaltou o bo facer de todos axentes implicados na elaboración desta lei que queda afianzada coa resolución do Alto Tribunal.

Exit mobile version