Site icon Crónica3.com A Mariña

Deseñada e definida unha modificación das frecuencias, paradas e rutas para o novo bus circular de Viveiro

“Está nas mans da Xunta admitir esta modificación, que permitirá crear unha cidade máis sostible, ao tempo que suporá un gran beneficio para todas as veciñas e veciños de Viveiro”, explica Míriam Bermúdez

Viveiro, 24 de abril de 2024. A concellería de Mobilidade, en colaboración coa empresa de autobuses de Viveiro, xa ten deseñada e definida unha modificación das frecuencias, paradas e rutas para un servizo de transporte máis útil e eficiente.

“Esta modificación permite crear un bus circular que conectará cunha frecuencia de 30 minutos os tres principais núcleos do concello: Covas, Viveiro e Celeiro”, explica Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa e responsable de Mobilidade.

A ruta leva o nome de Escourido-Naufrago e funcionará desde as 07:30 horas até as 20:30 horas de luns a sábado, e os domingos das 18:00 horas ás 21:00 horas.

Tamén hai prevista coa nova modificación unha ruta dende o lugar da Igrexa en Valcarría, pasando por San Pedro, Landrove, Magazos, Xunqueira, Viveiro centro e Viveiro estación de autobuses.

Esta ruta conecta e permite trasbordo para ir até Covas ou Celeiro, de luns a venres desde as 07:45 até as 20:00 horas, en frecuencias de 30 minutos.

Todas as parroquias de Viveiro tamén contan con liñas que os comunican con Viveiro e que poden consultarse na Estación de Autobuses ou na web https://www.autobusesdeviveiro.es/

En todo caso, “este é un proxecto que pode revisarse e ampliarse, por exemplo en verán para crear o bus da praia que nos leve a Area”, engade Bermúdez.

O billete tería un prezo de 1,55€, e serían aplicables todas as tarxetas con descontos da Xunta, como as dirixidas á mocidade ou a persoas maiores.

“O proxecto que permitirá poñer en marcha estas rutas, está presentado na Consellería de Mobilidade dende principio do mes de abril, polo que está nas mans da Xunta admitir esta modificación, que permitirá crear unha cidade máis sostible ao tempo que suporá un gran beneficio para todos as veciñas e veciños de Viveiro”, explica Míriam Bermúdez.

“Este proxecto vai supoñer un cambio de hábitos para a veciñanza, pero será un cambio a mellor, polo que agardamos que as veciñas e veciños lle dean un amplo uso”, conclúe.

Exit mobile version