Site icon Crónica3.com A Mariña

Jose Manuel Balseiro preside, unha vez máis, a Comisión de Pesca e Marisqueo da Cámara galega e forma parte das de Infraestruturas e Medio Ambiente e da do Medio Rural

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024. O deputado mariñá pola provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, volverá a presidir a Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia logo da constitución esta mañá dos distintos grupos de traballo da Cámara galega que se conformaron con carácter permanente de cara á XIIª Lexislatura autonómica. O parlamentario lucense tamén formará parte da Comisión de Infraestruturas e de Medio Ambiente e da Comisión de Medio Rural, neste caso, como novidade respecto ao anterior mandato.

Balseiro xa presidiu a Comisión de Pesca e Marisqueo na lexislatura pasada, onde tamén exerceu as portavocías de Emprego e máis recentemente da área de Infraestruturas. Neste caso, a repartición das portavocías de área están aínda pendentes ata a conformación do novo Goberno galego. O parlamentario popular agradeceu a confianza recibida polos seus compañeiros e afirmou que “defender aos homes e mulleres do mar de Galicia é todo un orgullo e un privilexio”

Balseiro é un dos deputados máis veteranos da Cámara galega xa que vén formando parte da mesma desde o ano 2009, co único paréntese da súa elección como delegado territorial da Xunta en Lugo entre 2016 e 2020. Esta experiencia permitiulle ter diversas responsabilidades dentro do Grupo Parlamentario Popular xa que ademais das portavocías citadas tamén foi voceiro de Mar, Montes e Incendios. Ademais no período 2009 a 2016 foi Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia.

No ámbito orgánico na actualidade exerce como coordinador xeral e voceiro do Partido Popular na provincia de Lugo. E todas estas tarefas son compatibles coa súa responsabilidade local, xa que logo é concelleiro no municipio no que reside, o concello lucense de Cervo, onde durante anos foi tenente de alcalde e na actualidade delegado de Seguridade Cidadá.

Exit mobile version