Site icon Crónica3.com A Mariña

Manolo Lago, Sumar: “O Estado ten que ser o aval e a garantía de que se mantén a industria do aluminio en Galicia”

Madrid, 11 de abril de 2024. Sumar Galicia mostrou o seu decidido apoio á continuidade da actividade industrial en San Cibrao, Lugo, e o mantemento dos postos de traballo na planta de Alcoa.

O deputado de Sumar Galicia, Manolo Lago, destacou que “nin Lugo, nin Galicia, nin España poden perder un activo industrial fundamental” como é a planta de aluminio en San Cibrao.

“A multinacional norteamericana Alcoa xa deixou claro que non é o futuro da industria do aluminio en Galicia e en España”, explicou Lago.

Por iso, o deputado expuxo na súa intervención na Comisión de Industria no Congreso dos deputados celebrada este xoves que agora “entramos nunha fase nova que é a de atopar un novo propietario da empresa que ten que ser un grupo industrial do sector solvente e fiable e cun compromiso claro coa actividade e o emprego”.

Lago fixo a intervención durante o punto na Comisión de Traballo no que se discutía unha Proposición non de Lei relativa á adopción de medidas urxentes para asegurar a continuidade da actividade industrial en Alcoa en San Cibrao presentada polo BNG.

Por último, o deputado de Sumar Galicia fixo fincapé en que “neste proceso que agora se abre, o conxunto de Administracións Públicas teñen que comprometerse para garantir a viabilidade do proxecto”.

“O Estado ten que ser o aval e a garantía de que se mentén a industria do aluminio en Galicia”.

Exit mobile version