Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo afea ao alcalde que contestara no pleno cun “xa veremos” sobre a solicitude de información de varias facturas

Ribadeo, 17 de abril, 2024. Trala celebración do pleno deste martes, o BNG entende que “por moito que o grupo municipal do BNG solicite información sobre os gastos do concello, o goberno municipal do PP négase a dar datos e informar con transparencia sobre as facturas que, cada día máis, van chegando ao Concello de Ribadeo. Por moito que se lle pregunte por cousas concretas, por facturas moi específicas, o alcalde sempre ha saír pola tanxente falando de calquera cousa menos do que se lle pregunta”.

“Mesmo, nesa fachenda presidencial, chega a responder cun “xa veremos” cando é requerido abertamente pola información das facturas. Así o fixo no salón de plenos este martes 16 de abril ante o grupo municipal do BNG. Pero por moito que queira disimular, as contas están aí. E todo se ha acabar sabendo”.

“Por exemplo: no tema dos gastos de alumeado temos detectado facturas continuadas, coa mesma empresa, por valor duns 70.000€. Salta á luz, nunca mellor dito, que isto deberíase ter licitado; semella como se houbese un fraccionamento de facturas encuberto (algo que a lei prohibe expresamente). E estes gastos van ser pagados con cargo a remanentes (os aforros do ano pasado) cando non hai nin catro meses que están aprobados os orzamentos deste ano 2024. Catro meses deste ano 2024, e xa hai que tirar dos aforros. Velaquí unha clara mostra do que pode estar a pasar xa, catro meses despois de entrar en vigor, cos orzamentos do 2024: que poida que haxa partidas que xa estean seriamente afectadas polo excesivo gasto deste goberno municipal do PP”.

“Seguindo co tema do alumeado do Nadal, e falando dos orzamentos do 2024, á parte dos 24.000€ que están contemplados en ditos orzamentos para o alumeado das festas de fin de ano, neste pleno do martes 16 de abril tamén se aprobou un suplemento de crédito con cargo aos remanentes (os nosos aforros) de 60.500€ para engadir aos 24.000€ inicialmente aprobados. É esta a planificación do goberno municipal? Apenas pasaron catro meses da aprobación dos orzamentos e xa andan a aumentar os gastos con cargo a remanentes no canto de dedicalos a investimentos máis produtivos? Están obsesionados con gastar e gastar”.

“A ver se non se nos cega o siso con tanta luz. No Nadal de 2023 había asignados 23.000€ para alumeado. Pero acabaron aumentándolle 36.000€. Foi o gasto a maiores que se fixo. Tamén neste pleno se aprobou o pago desas facturas a maiores con cargo aos remanentes (os nosos aforros) para acabar de pagar o alumeado do nadal de 2023. Botando man da calculadora, 59.000€ en alumeado no 2023 (23.000 + 36.000). E para o ano 2024, segundo explicamos liñas atrás, 24.000€ aprobados inicialmente, máis 60.500€ a maiores: isto fai un total 84.500€ para o 2024. Xulguen vostedes: este goberno vai gastar en dous anos en alumeado público para Nadal 143.500€, moito máis que o anterior en todo o mandato”.

“Pero o capítulo estrela deste dilapidar sen xeito nin traza o diñeiro de todos e todas nós é o gasto en publicidade. Ademais dos 42.000€ aprobados inicialmente, a maiores gastáronse no 2023 53.000€, que por suposto van ser pagados agora, así se aprobou tamén neste pleno do martes 16, con cargo aos remanentes (de novo, os nosos aforros). Outro capítulo máis no que acabaron máis que duplicando o gasto. E iso que só levan dez meses no goberno!”.

Exit mobile version