Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Alfoz amosa preocupación polo lixo acumulado nas cunetas

Alfoz, 25 de abril, 2024. O Concello de Alfoz amosa a súa preocupación polo lixo que se está acumulando dende hai tempo nas cunetas en determinadas zonas do municipio.

Unha das moitas virtudes que posúe Alfoz é poder pasear en plena natureza, escoitando os sons naturais dos animais e gozando das cores que ao concello lle outorgan as estacións do ano.

Mais dende uns anos a esta parte estase a apreciar a acumulación de lixo nas cunetas de determinadas zonas, sobre todo con latas de cervexa e envoltorios de friame, feito que fai que o noso concello perda valor natural dando unha mala imaxe tanto para a veciñanza como para persoas visitantes.

O Concello de Alfoz, apoiando unha iniciativa veciñal, pide colaboración á veciñanza e aos visitantes para manter o noso concello limpo. Tamén a participación nas campañas de recollida que en breves se programarán por varios veciños decididos a ver reducido o impacto ambiental que provoca tal feito.

Exit mobile version