Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén Burela FS sofre en Mengíbar pero logra puntuar e afianzar o terceiro posto na clasificación

Burela, 13 de abril. O conxunto masculino do Pescados Rubén Burela FS disputou o encontro da xornada 27, esta tarde ás 18.30h no pavillón polideportivo Sebastián Moya Lorca de Megíbar ante o Oleoinnova Megíbar. Un encontro ante un dos colistas que necesitaba os tres puntos pero non os logrou. O Pescados Rubén Burela FS mostrouse con altibaixos ao longo de todo o partido, cunha primeira parte con máis ocasións do conxunto visitante pero pouco acerto e unha segunda parte cun festival de goles entre os que destacan os 4 tantos anotados polo ex-xogador do equipo mariñán, Dani Martín, e hat-trick de Álex García.

No minuto un chega o 0-1 cun gol de penalti de Álex García, unha vantaxe que o conxunto burelense non conseguiu aproveitar durante a primeira parte na que non consegue anotar máis goles, sobre todo ante un Mengíbar que non xerou numerosas ocasións. No minuto 3 ocasión clara de Lucho que lanza na área tras un roubo e contra de Álex García. No minuto 6 chega o primeiro tiro a porta do conxunto local, cun disparo raso de Isma Vacas que pasa moi preto do segundo pau. No minuto 7 transición rápida de Lucho que lanza a portería deixando un remate ao que non chega Álex García e dous minutos despois, o mesmo capitán do conxunto laranxa non logra superar a un Cristian moi inspirado neste partido que detén coas mans un disparo tras unha moi boa xogada colectiva. Non é ata o minuto 10 ata que o Mengíbar ten unha clara ocasión, cun pau de Dani Martín nun disparo afastado. No minuto 13 disparo boísimo de Rikelme que detén Cristian e no 14 outra clara de Charly nunha contra tras un roubo de Rikelme, que tamén para o porteiro, xusto antes doutro paradón a un lanzamento moi perigoso de Álex García segundos despois. Moita velocidade por parte do Burela e partido con moito ritmo, aínda que pouco atinado. Ata que chega o empate no minuto 16 co primeiro gol da tarde de Dani Martín a pase de Colacha. Últimos minutos desta primeira parte moi tensos e con numerosos momentos de perigo por parte dos dous equipos que non conseguen finalizar con éxito.

Na segunda parte ambos equipos repiten quinteto, e chega de igual maneira, no primeiro minuto, o gol de Álex García, esta vez, só ante Cristian tras un pase longo de Chaly nunha xogada de estratexia moi bonita. Ao final do mesmo minuto ocasión clarísima de Charly que dispara ao segundo pau pero vaise fóra. Saen con forza do vestiario os pupilos de David Rial nesta segunda parte, recorrendo en numerosas ocasións á vantaxe de 5 con saída de porteiro. Pero no minuto 26 Dani Martín volve empatar o encontro dende o segundo pau tras unha saída pola banda de Cristian que despista aos burelenses. E un minuto despois chega o terceiro dos mengibareños que se poñen por diante no marcador con outro gol dun Dani Martín moi animado que queda só ante Mika tras unha incríble carreira pola banda case desde a súa área. No minuto 28 Karim tira ao pau nun saque de falta moi perigoso nunha cesión e no 28 outro paradón de Cristian a un lanzamento de Alberto. Chega de novo o empate no minuto 29 cun gol de Malaguti que a empuxa dentro tras un pase de Isma. No minuto 30 o árbitro pita man a Malaguti e Mika salva o gol que puido ser este disparo de Karim. No mesmo minuto outro ocasión similar de Karim que sae fóra e un pau de Cristian que lanza por sorpresa desde a súa portería. No minuto 32 volve adiantarse o Burela, cun golazo de Ismael nun saque directo de falta e un minuto despois outro paradón de Cristian a un boísimo disparo de Álex García ao segundo pau nunha transición. Outro minuto despois chega o terceiro de Álex García e o 3-5 nunha moi boa xogada colectiva. Saca o porteiro-xogador Javi Roca na seguinte xogada e chega o 4-5 no mesmo minuto 34 por parte de Joseliyo. Co burelense Jorge Quelle en pista durante estes minutos nos que o Pescados Rubén debe manter unha defensa firme ante a presión do xogo de cinco e manténdoa ata o minuto 38 no que, de novo, Dani Martín, cóaa na portería dende dentro da área nunha xogada con porteiro-xogador e empata o encontro, empate que mantén a tensión ata o último segundo de xogo.

O Pescados Rubén Burela FS consegue puntuar e manter ese terceiro posto (estando máis rifados o cuarto e quinto entre Colo Colo e UA Ceutí), así como a súa condición de equipo menos goleado desta Segunda División a pesar destes 5 encaixados nesta xornada, cunha diferenza dun gol co Sala 10 e a dous do UMA Antequera. A semana que vén xogarase a xornada 28 da Segunda División de Futsal ante Sala 5 Martorell en Vista Alegre ás 17.00h da tarde, previo derbi provincial do equipo feminino, da xornada 25 de Primeira División Iberdrola FS ante o FSF Castro Bloques Cando ás 18.45h. Tarde Laranxa en Vista Alegre na que se espera gran afluencia de público e afección.

Ficha Técnica Oleoinnova Megíbar 5-5 Pescados Rubén Burela FS

Oleoinnova Megíbar (5): Cristian; Benítez, Ureña, Rosental, Joseliyo -quinteto inicial-, Luque, Ruano, Colacha, Tortu, Puerma, Dani Martín, Karim, Isma Vacas.

Pescados Rubén Burela FS (5): Mika; Lucho (C), Álex García, Charly, Ismael -quinteto inicial-, Quelle, Pitero, Rikelme, Isma, Alberto, Flethes, Álex García, Charly, Ismael, Malaguti.

Goles: 0-1, min.1: Álex García. 1-1, min.16: Dani Martín. 1-2, min.21: Álex García. 2-2, min.26: Dani Martín. 3-2, min.27: Dani Martín. 3-3, min.29: Malaguti. 3-4, min.32: Ismael. 3-5, min.34: Álex García. 4-5, min.34: Joseliyo. 5-5, min.38: Dani Martín.

Árbitros: Ignacio del Olmo Martínez, Óscar Gómez Merino, Miguel Ángel Vico Luna, Antonio José Hidalgo Barbudo.

TA: Colacha, Tortu, Josiyo, Alberto, Álex García, Charly, Malaguti.

Exit mobile version