Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela pide que se declare nula a creación do Consello da Memoria Histórica por incumprir os procedementos legais vixentes

Os populares sinalan que, para a creación deste órgano debe de existir un regulamento e esa normativa “nin existe nin se levou a pleno para o seu debate e, se procede, aprobala”

Burela, 9 de abril de 2024. Dende o PP de Burela rexistraron o pasado venres (5 de abril) un escrito para “restituír a legalidade” no Concello de Burela. Así o explican os concelleiros populares que tamén apuntan que nese documento “instamos á alcaldesa a que declare a nulidade do acordo plenario adoptado polo grupo de goberno, no pleno ordinario do xoves 4 de abril, co que se pretende crear o Consello da Memoria Histórica de Burela”.

Os populares afirman que “non nos opoñemos á creación do órgano en si”, pero “si que nos opoñemos ás irregularidades e ás ilegalidades na creación deste Consello da Memoria Histórica”.

Dende o PP de Burela advirten que non se están a seguir os procedementos legais oportunos polas “precipitacións por pagar as peaxes políticas da señora López Moreno cos seus socios de goberno do BNG”. Por este motivo, no pleno cometeron “un erro gravísimo” xa que no expediente non aparece ningún informe de secretaría no que se advirta dos pasos a seguir e no que se informe que se están incumprindo os pasos pautados na lexislación vixente para a creación de calquera consello.

Para a creación de calquera consello consultivo, como é o caso, debe de existir un regulamento que o ampare, e esa normativa non foi creada nin levada a pleno algún para o seu debate e, se procede, aprobación. “Non hai acordo de pleno algún para aprobar ese regulamento, polo tanto o Consello da Memoria Histórica non pode ser creado de acordo a normativa vixente”, sinalaron.

Dende o PP de Burela piden á alcaldesa que deixe o camiño da confrontación e comece a dialogar, “aquelo que prometeu no seu discurso de investidura”, xa que hai cuestións moi sensibles, como é o caso, “nas que todos debemos de ir da man polo ben de Burela”.

Exit mobile version