Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama ao goberno local maior preocupación pola Fraga de Santo Estevo, un dos reclamos turísticos de Barreiros

Dende o PP de Barreiros critican que non se realizase o mantemento desta zona verde sempre acolle a moitos turistas e que o luns de Pascua acolle a romaría pero que segue acollendo nesta data a decenas de veciños que se achegan á zona para manter viva a celebración

Barreiros, 15 de abril de 2024. Tradicionalmente, o luns de Pascua celébrase en Barreiros a romaría na Fraga de Santo Estevo do Ermo, unha celebración que se trasladou ao mes de xullo, pero, pese a ese cambio, seguen a ser moitos os veciños do municipio que manteñen a tradición achéganse nesta data ata a zona para manter viva a celebración.

E esta zona, de gran importancia para os barreirenses e á que se achegan a maior parte dos turistas que visitan o municipio este ano deixou unha imaxe “de tristura” xa que o goberno local non se preocupou por realizar “un mínimo mantemento” do entorno.

O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explica que nin se rozou a maleza, nin se arranxou a escalinata que une a parte superior e inferior da Fervenza de Santo Estevo do Ermo, danada trala caída dunha árbore hai unhas semanas. “Está claro que foi un accidente, pero danáronse varios peldaños, dificultando o acceso, pero dende o goberno local non se preocuparon por arranxalo pese a que en Semana Santa chegaron moitos turistas ao municipio”, lamentou.

Ante esta situación, dende o PP de Barreiros piden ao goberno local que sinalice esta incidencia para que as persoas que se achegan ata alí non corran risco algún.

A día de hoxe, uns 15 días despois do luns de Pascua “nada se fixo aínda na zona” pese a que “o lóxico sería mantelo en boas condicións todo o ano, non so preocuparse cando chegan os turistas, que nin iso foron capaces de facer”.

CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN

Dende o PP de Barreiros tamén pide ao goberno local unha campaña de concienciación para evitar danos no medio natural despois de ver como se pintaron varias sinais nas rochas do entorno da capela. “Imaxinamos que sería sinalización para unha ruta ou un evento e que se fixo sen maldade, pero o goberno local podería realizar unha campaña para fomentar o uso de sinalización provisional neste tipo de actos para así non danar un entorno moi fermoso”, finalizaron.

Exit mobile version