Site icon Crónica3.com A Mariña

Os produtos estrela da lonxa de Burela son protagonistas esta semana en diferentes actos do “Salón Gourmets” en Madrid

Burela, 23 de abril, 2024. Esta semana celébrase en Madrid a 37 edición do “Salón Gourmets”, o escaparate anual máis importante de alimentos e bebidas de alta gama. Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, o programa de catas e degustacións dos produtos do Mar de Galicia “Galicia Sabe Amar” inclúe este mércores senllos showcooking elaborados con “Merluza D& Burela” e “Bonito D& Burela”.

A caseta da Consellería do Mar da Xunta de Galicia acolle ás 12:00h un acto dedicado á “Merluza do pincho de Burela” no que o chef Miguel F. Vidal (Restaurante Morgana, Madrid) preparará as súas receitas de pescada do pincho, especie da que a lonxa de Burela é a que presenta maior volume de descargas e facturación de toda España. O acto estará presentado polo xerente de OPP-7 Burela, Sergio López, e contará coa maridaxe dos Viños D.O. Ribeiro.

Pola súa banda, a chef Victoria Maseda (Masseda Cátering de Orixe, Madrid) preparará as súas receitas de “Bonito do Norte de Burela” noutro showcooking que se celebrará a partir das 16:30h coa maridaxe dos Viños D.O. Rías Baixas en colaboración con Armadores de Burela.

Esta presentación únese ao “Tardeo” que organizou o luns pola tarde “Pesca España” no stand de “AlimentosdEspaña” e onde tamén se degustou a receita de “Merluza de Burela, carpaccio de gamba vermella de Santa Pola, mariñeira de pemento e copos de bonito seco”, elaborada polo chef Nacho Xurelo. Un showcooking para poñer en valor a variedade, diversidade e calidade dos produtos do mar, demostrando unha vez máis que España é “O País Máis Rico Do Mundo”.

Nos últimos anos é habitual que as principais especies do Porto de Burela, especialmente a súa pescada do pincho e o bonito do norte, brillen nos mellores eventos gastronómicos do país, normalmente a través da colaboración da OPP-7 Burela e Absa dentro do programa de catas e degustacións dos produtos do mar “Galicia Sabe A-Mar” da Xunta de Galicia.

Este mesmo ano xa se puido degustar “PeixedeBurela” en eventos como Fitur, Madrid Fusión ou Galicia Fórum Gastronómico, así como noutras citas como o Campionato Internacional de Baristas coa Escola de Hostalería do IES de Foz, ou a Feira do Viño de Amandi a través da Escola de Hostalería de Rosende en Sober.

Ao longo deste ano a OPP Burela seguirá promocionando a calidade e a trazabilidade do seu “peixe” por toda España, participando en diferentes eventos a través de showcookings e maridaxes con outros produtos gastronómicos para poñer en valor a Pescada e Bonito de Burela, ademais doutras especies variadas da lonxa ABSA de Burela, como cabala, xurelo, rape, pota, peixe espada, marraxo… representando ás principais frotas locais.

Todas estas accións están cofinanciadas por Xunta de Galicia e FEMPA, incluídas no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos consumidores a información clara e completa.

Exit mobile version