Site icon Crónica3.com A Mariña

Pensamento e Sementeira de Viveiro renova a súa xunta directiva

Viveiro, 3 de abril, 2024. O Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro vén de anunciar a renovación da súa xunta directiva, coa intención de dinamizar a vida cultural da vila despois dun período de menor actividade. A asociación ten a vontade de recuperar actividades culturais que foron perdendo peso nos últimos anos no Concello de Viveiro, así como de incorporar e asentar outras que poidan ser de interese para a comunidade.

A nova directiva, encabezada por Xiana Naval como presidenta da asociación, trae consigo unha enerxía renovada para o futuro do colectivo. Coa convicción de que a cultura é un elemento esencial da identidade e do desenvolvemento da nosa sociedade, as persoas integrantes teñen a intención de promover unha ampla variedade de actividades que inclúan diferentes formas de expresión cultural.

Dende o Colectivo Pensamento e Sementeira convidan a toda a veciñanza a unirse a esta nova etapa, para o que abren un período de inscrición de persoas que queiran asociarse, e chaman a participar nas actividades culturais que irán desenvolvendo ao longo do ano e das que informarán a través das súas redes sociais en Facebook e Instagram.

Exit mobile version